Lara Méndez mantén un encontro co portavoz da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, Sami Ashour, e responsables da Asemblea de Cooperación pola Paz e Médicos del Mundo
A secretaria de Organización do PSdeG e viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento, Lara Méndez, amosou o apoio do partido á manifestación do domingo en contra do xenocidio que está a perpetrar Israel en Gaza. Así o dixo logo dun encontro en Santiago co portavoz da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, Sami Ashour, e responsables da Asemblea de Cooperación pola Paz e Médicos del Mundo, no que tamén participou a portavoz de Cooperación do PSdeG no Parlamento, Paloma Castro.
A responsable socialista confirmou a participación dos socialistas galegos na mobilización prevista para este domingo en apoio da causa palestina e de repulsa á intervención de Israel en Gaza contra a poboación civil. Sinalou que os socialistas galegos están a apoiar tódalas manifestacións en solidariedade co pobo palestino e contra a actuación do Estado de Israel, sinaladamente nas concentracións que tiveron lugar onte nas principais localidades galegas.
Méndez criticou a intervención de Israel contra a flotilla solidaria onte xoves, e reclamou a liberación dos detidos, entre os que se atopan dous activistas galegos. As responsables socialistas trasladaron o seu apoio á postura do goberno central que está a ofrecer “exemplo e liderado” a nivel internacional para situar a España no lado correcto da historial na condena ás actuacións do Estado de Israel.