Patricia Iglesias mantén un encontro cos sindicatos con representación na Mesa Xeral de Función Pública
A portavoz de Calidade Democrática do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle hoxe ao goberno galego que “remate co desgoberno estrutural” na xestión de recursos humanos na Xunta de Galicia. Así o dixo logo dunha xuntanza de traballo cos sindicatos con representación na Mesa Xeral de Función Pública de Galicia hoxe nas instalacións do PSdeG no Parlamento de Galicia.
A responsable socialista recolleu as aportacións dos representantes dos traballadores da administración autonómica fronte á falla de planificación e de estratexia na función pública por parte do goberno galego. Iglesias comprometeuse a traducir as demandas dos sindicatos da función pública en iniciativas parlamentarias diante da nefasta xestión dos recursos humanos por parte do goberno galego.
Iglesias salientou o “abuso” das comisións de servizos por parte do PP no goberno galego, así como das interinidades e posibles cesións ilegais de man de obra. Alertou da falla de transparencia cos traballadores e traballadoras afectados polo concurso de traslados. Subliñou que o desgoberno dos recursos humanos deriva nunha situación de arbitrariedade inxustificable entre os traballadores da función pública.
A parlamentaria socialista advertiu que o PP está “premiando” dende o goberno galego “á provisionalidade sobre a excelencia técnica”, e esixiu medidas efectivas urxentes para “poñer fin á súa falta de orde e desgoberno”.