Paloma Castro censura a “falla de planificación, transparencia e participación do sector” por parte do goberno galego e advirte que “non é posible asumir un peche de seis meses sen compensación económica”
A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de rexistrar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que poña enriba da mesa axudas compensatorias polo peche dos bancos marisqueiros de Arousa. Castro reclama respaldo económico para un sector que depende da actividade extractiva e que vai estar afectado directamente pola decisión da Xunta de pechar os bancos durante seis meses.
Castro lembra que a día de hoxe “non existe proposta firme nin compromiso por parte da Xunta sobre as compensacións” ao sector, sen as cales “non é posible” asumir un peche destas características, o que suporía “o golpe definitivo para o marisqueo a flote da ría de Arousa”.
Advirte que “a falla de planificación, de transparencia e de participación” do sector na toma de decisións “fai evidente a falla de vontade da Xunta para abordar o futuro do marisqueo dende unha perspectiva sostible e socialmente xusta”.
A responsable socialista reclámalle ao goberno galego que logo da resolución oficial de forza maior, permita aos mariscadores e mariscadoras acceder o acceso ás prestacións por cesamento de actividade. A continuación, esixe un programa específico de axudas financiado con fondos Fempa que garanta a viabilidade económica do sector no resto do peche, nos meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2026.