Carlos López Font acusa á Xunta de non amosar “nin a máis mínima solidariedade” cos entre 100 e 120 traballadores do Aeroporto de Santiago que poderían perder o seu posto pola marcha da empresa
O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposta do Grupo Socialista en apoio ao persoal de terra de Ryanair no aeroporto de Santiago, en Santiago de Compostela, que se verán afectados polo ERE presentado pola compañía como consecuencia da marcha da compañía. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Carlos López Font, presentou esta proposta que foi incorporada como emenda a unha iniciativa presentada polo PP e aprobada no Pleno que se celebrou hoxe.
O responsable socialista trasladou a solidariedade do PSdeG aos entre 100 e 120 traballadores e traballadoras afectados polo ERE “consecuencia dunha decisión empresarial absolutamente inxustificada”, logo dunha xuntanza con representantes da plantilla na que tamén participou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
López Font reclamoulle ao goberno galego que “saia de inmediato a contestarlle á compañía, facer fronte co goberno de España e cos concellos afectados, denunciando esta chantaxe e defendendo aos consumidores e aos traballadores”.
Sinalou que o goberno de Rueda e o PPdeG estanse a posicionar como “cómplices” da decisión da compañía que podería supoñer máis dun cento de despidos “sobre os que vostedes non amosaron a máis mínima solidariedade”. Criticou que “prefiran imputárllelo ao goberno de Pedro Sánchez que saír en defensa dos intereses da sociedade galega e destes traballadores”, antes de acusalos de “predicar a mentira e a pura demagoxia”.
Lembrou que o goberno do Estado “leva anos apostando polos 3 aeroportos galegos con investimentos de máis de 130 millóns de euros en infraestruturas clave como a ampliación do Aeroporto de Vigo, a primeira torre de control en Peinador ou a renovación da pista do de Santiago”. Ademais, lembrou as bonificacións ás areolíneas con ata un 40 por cento das taxas de pasaxeiros e o reembolso do cen por cen das taxas de seguridade.
Contrastou este esforzo coa “política escurantista” do goberno galego en relación coas subvencións ou contratos publicitarios coas compañías aéreas, negándose de forma sistemática a explicar as contas de Turgalicia, “porque igual detrás destas contas que nos negan existe algunha explicación á decisión de Ryanair e vostedes prefiren ocultalo”.
Texto da emenda que foi aprobado hoxe no Parlamento:
-“Manifestar o seu apoio aos traballadores e traballadoras, obxecto do ERE anunciado por Ryanair para o persoal do aeroporto de Santiago de Compostela, por considerar o devandito ERE como totalmente inxustificado e realizar as xestións que sexan necesarias ante a compañía Ryanair para a súa retirada”.