Patricia Iglesias reclama unha industria enerxética “ao servizo do país e non dun goberno clientelar”
A Comisión de Industria do Parlamento aprobou hoxe parcialmente unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que garanta unha “cooperación industrial continua” co Goberno de España e as autoridades ambientais. A portavoz de Industria, Patricia Iglesias, presentou esta iniciativa para implicar á Xunta nunha transición enerxética “ordenada, respectuosa co medio ambiente e sustentable”.
Lamentou que o PP, que apoiou este único punto da proposta, deixara fóra do acordo pedirlle á Xunta que axilizara a nova planificación eólica garantindo unha zonificación “clara e precisa” e evitar a fragmentación artificial dos proxectos eólicos. Tamén rexeitaron a posta en marcha de mecanismos de participación pública “efectivos e transparentes” nestes proxectos e tomar medidas para revisar e harmonizar os proxectos suspendidos por contravir a normativa medioambiental.
Iglesias reivindicou o Pacto Industrial e Enerxético para Galicia proposto polos socialistas galegos co obxectivo de garantir unha enerxía e unha industria “ao servizo do país e non dun goberno clientelar”. Reclamou unha planificación “seria”, que garanta seguridade xurídica e a participación cidadá nos proxectos que lles afectan directamente, lonxe do caos xurídico provocado polo PP, que xa suma 13 reformas da Lei do sector eólico e 90 parques eólicos suspendidos pola xustiza.
Afeoulles que teñan prometido un novo Plan Eólico adiado ata o ano 2027, que será elaborado a través dunha consultora privada por máis de 700.000 euros, “excluíndo á cidadanía e ás organizacións ecoloxistas das mesas de diálogo: así non se fai política pública, así fan negocio uns poucos”, remachou.
Criticou que a Lei de Recursos Naturais aprobada polo PP en solitario obriga a ceder electricidade “pero non para o ben común, senón para proxectos industriais e promotores elixidos a dedo, sen publicidade nin concorrencia”. Criticou a “arbitrariedade pura e dura” despregada polo PP dende o goberno galego, “como xa vimos cos parques de Baro e Greco”.
Emprazou ao PP a recoñecer o acerto do Goberno de España na defensa xurídica diante do Tribunal de Xustiza da UE, que vén de darlle a razón ao Estado o pasado mes de xullo avalando o procedemento de consulta pública nos proxectos eólicos. Sinalou a urxencia de elaborar “xa” un novo Plan Eólico adaptado a Europa, reactivar a Rede Natura galega e apoiar o Real Decreto – Lei de 24 de xuño que evita o “apagón renovable” e que foi rexeitado por PP e BNG da man.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a fomentar a cooperación institucional continua entre a Xunta de Galicia, o Goberno de España e as autoridades ambientais para garantir unha transición enerxética ordenada, respectuosa co medio ambiente e sustentable”.