O secretario xeral do PSdeG alertou da “polarización e a deshumanización” como “unha das ameazas máis serias para a paz e para a vida en democracia” e sinalou como responsables á ultradereita e a “unha dereita compracente”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro alertou hoxe da “polarización e a deshumanización” como “unha das ameazas máis serias para a paz e para a vida en democracia”. Foi desde a sede socialista en Lugo, en cuxo acceso apareceron pintadas con insultos.
Besteiro asegurou que a democracia “é política, é participar, é expresármonos en liberdade”, algo que non comparte unha ultradereita “que é responsable deste tipo de atentados” xunto a “unha dereita compracente”.
“Non imos permanecer indiferentes ante estes atentados. Ímolos condenar e denunciar”, afirmou o líder socialista, que acudiu ás instalacións na compaña da secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto.
O ataque á sede lucense únese a unha serie de sucesos similares que se veñen repetindo non só en Galicia, senón en toda España. Hoxe mesmo tamén apareceron pintadas na Casa do Pobo de El Ejido, en Almería. En menos de dous anos, producíronse preto de 250 atentados contra dependencias do Partido Socialista en todo o país.