Lara Méndez ratifica a posibilidade de acudir á Fiscalía polos incendios e reclama mecanismos efectivos para garantir o cumprimento dos compromisos asumidos na Comisión de 2017
O Grupo Parlamentario Socialista reclamará de novo no próximo pleno que o Goberno galego active no prazo máximo de 30 días a comisión de seguimento do ditame aprobado en 2018 sobre incendios forestais. A viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, explicou logo da Xunta de Portavoces que o obxectivo é avaliar punto por punto os compromisos asumidos nese momento e os incumprimentos detectados, logo da vaga de lumes do mes de agosto que puxo en evidencia a falta de prevención.
Méndez explicou que os socialistas presentarán esta petición nunha moción que se debaterá no Pleno da próxima semana, e advertiu que “non vale de nada lamentarse se antes non se fixo absolutamente nada en prevención. O que toca agora é esixir responsabilidades de cumprimento”, subliñou antes de recalcar que “seguimento significa control real e control ata as últimas consecuencias”.
A dirixente socialista advertiu que o PSdeG, como xa adiantara o secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro, “non descarta acudir á Fiscalía se o consideramos necesario” e lembrou que “do ditame aprobado en 2018 con 123 medidas non se cumpriu practicamente nada”.
As e os socialistas defenden unha Comisión de seguimento útil e operativa: “Non buscamos espectáculo nin titulares baleiros, senón mecanismos efectivos para garantir que este Parlamento non aprobe resolucións que logo queden esquecidas nun caixón”, engadiu a viceportavoz, lembrando que o PSdeG votou en 2018 a favor dun ditame “que nos parecía pouco ambicioso, pero que apoiamos por responsabilidade”.
Méndez insistiu en que “o esencial é que o que pasou non se volva repetir”. “Se hai que revisar ou actualizar determinadas medidas, farémolo —dixo—, pero Galicia non pode seguir atrapada nun ciclo de improvisación e incumprimentos que só nos levan a máis destrución e máis abandono”.
Outras iniciativas no vindeiro Pleno
Xunto con esta moción sobre incendios, a responsable socialista avanzou outras iniciativas que defenderá no próximo pleno do Parlamento:
Restauración de espazos naturais tras os lumes, con planificación baseada en criterios científicos, participación social e cooperación europea.
Atención a menores non acompañados, reclamando responsabilidade, humanidade e recursos suficientes para garantir a súa protección e integración.
Interpelación sobre o Servizo de Axuda no Fogar, “un servizo fundamental con graves carencias que afecta á calidade de vida de milleiros de familias galegas”.
Na sesión de control, Gómez Besteiro interpelará a Rueda sobre cales son as prioridades reais da súa acción política neste momento. Ademais, presentarán unha pregunta urxente sobre Palestina, así como cuestións sobre educación -coa rehabilitación do CEIP Torre da Illa (A Illa de Arousa)- e sobre a defensa dos dereitos das persoas cooperativistas do barrio de Xuxán, na Coruña.
Condena ao atentado en Lugo
Antes de detallar a axenda parlamentaria, Méndez comezou a súa intervención condenando “categóricamente” o atentado sufrido esta madrugada na sede do PSdeG en Lugo, onde apareceu unha pintada insultante. “Estamos ante un ataque contra a liberdade de expresión e contra un partido político, que lembra tempos pasados que algúns semellan non ter superado. Expresamos a nosa máis firme condena”, afirmou.