A secretaria de Organización do PSdeG desprazouse ás zonas afectadas polo incendio que desde onte arrasou 80 hectáreas no municipio lucense e deixa cinco bombeiros hospitalizados por queimaduras graves
A secretaria de Organización do PSdeG e viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento Galego, Lara Méndez, desprazouse esta mañá ata Barreiros para comprobar a evolución do incendio que se declarou onte á tarde na parroquia de San Xusto de Cabarcos. O lume consumiu desde entón 80 hectáreas e obrigou a desaloxar das súas vivendas a unha decena de persoas, aínda que finalmente as lapas non afectaron ás casas.
“O que tocaba hoxe era estar en Barreiros para apoiar aos veciños e veciñas e o traballo dos brigadistas”, asegurou Méndez, que insistiu no compromiso do PSdeG de “estar sobre o terreo” para acompañar ás persoas afectadas polos incendios e proporcionarlles axuda. “Como dixo o secretario xeral, estaremos atendendo as necesidades da xente agora e despois, tal como fixemos onte en Valdeorras”, subliñou.
A deputada socialista mostrou a súa preocupación polos cinco bombeiros da brigada helitransportada de Castromaior que sufriron queimaduras graves nos labores de extinción, e que permanecen hospitalizados na Coruña. A eles, desexoulles unha pronta recuperación.
Lara Méndez estivo acompañada pola portavoz socialista no Concello de Barreiros, Carmen Veiga, e polo alcalde da Pontenova, Darío Campos, que enviou tres traballadores e dúas motobombas á zona para participaren no operativo contra o lume. Durante o percorrido, tiveron oportunidade de conversar con membros das brigadas, que xa conseguiron estabilizar o incendio.
Máis tarde, Lara Méndez achegouse a Lourenzá, municipio que permaneceu en alerta durante a noite pola posibilidade de que as chamas chegasen ao seu territorio. De feito, nalgún momento si o fixeron. Xunto á alcaldesa, Rocío López, visitou a zona afectada, á que o Concello enviou un equipo de Protección Civil.