O líder dos socialistas galegos pon apoio técnico ao servizo dos afectados “para que as axudas cheguen á xente con rapidez e seguridade e non se perdan nun labirinto burocrático”
Cuestiona que o PP ofreza axudas dende o goberno galego “por orde de chegada e sen explicar que orzamento destina ás indemnizacións”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou hoxe en Vilamartín de Valdeorras unha rolda de visitas aos lugares máis afectados polos lumes co obxectivo de “escoitar, axudar e apoiar”. O responsable socialista mantivo un encontro coa veciñanza na que explicou que con esta visita responde á débeda adquirida logo do desastre que calcinou a aldea, cando se comprometeu a volver a “tender unha man”.
Besteiro viaxou desta volta acompañado do responsable de Producións Extensivas de Unións Agrarias, José Ramón González, para axudar ás familias a “tramitar canto antes as solicitudes das axudas”. Cuestionou que o PP estea a repartir as axudas dende o goberno galego “por orde de chegada” negándose ademais a aclarar o orzamento co que están a contar, polo que advertiu que “non podemos permitir que ninguén quede atrás” e esixiu que as axudas “cheguen á xente e non se perdan nun labirinto burocrático”.
Explicou que malia que teñan anunciado axudas dirixidas ás vivendas, explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como os comercios e as infraestruturas públicas, estas “de pouco serve que existan se os afectados non poden acceder a elas con rapidez e seguridade”. Besteiro respondeu hoxe do compromiso de “acompañar ás persoas afectadas para que poidan recuperar as súas vidas”, e repetirá a visita de hoxe “en cada unha das zonas devastadas polo lume”.
Subliñou que malia que hoxe San Vicente de Leira é “a zona cero dos lumes, tamén pode ser a zona cero da esperanza e da recuperación”, e salientou que “a forza e a dignidade desta veciñanza e a do seu alcalde, Enrique Álvarez, son a mellor garantía de que isto vai saír adiante”.
O responsable do PSdeG ofreceu esta xuntanza xunto co secretario provincial do PSdeG, Álvaro Vila, así como a portavoz de Política Forestal no Parlamento de Galicia, Carmen Dacosta, ademais de alcaldes e portavoces da comarca e cargos públicos e orgánicos dos socialistas de Ourense, para “acompañar e asegurarnos que isto non se repita”. Explicou que “iso significa prevención, ordenación forestal e un compromiso real co forestal galego”.
Advertiu que a traxedia de Vilamartín de Valdeorras “non foi só lume: foi o fracaso dunha política forestal sen prevención, sen planificación e sen un modelo de país que coide do rural”. Explicou que o cambio climático agravou un risco que a Xunta tiña a responsabilidade de prever “e non o fixo” ao desprezar a inmensa maioría das 123 medidas incluídas no ditame da Comisión de Estudo da Política Forestal de 2018, que “meteron nun caixón”.
Explicou que “por iso pedimos responsabilidades e por iso reclamamos a dimisión do presidente da Xunta: Galicia non merece unha política de brazos cruzados e un goberno dirixido polo PP ao que non lle interesa o rural”. Subliñou a diferenza da política que exercen os socialistas, que “estamos ao carón da xente, ofrecendo solucións concretas e non promesas baleiras”, e “mentres outros botan balóns fóra, nós vimos a acompañar á veciñanza”.