Paloma Castro esixe responsabilidades políticas polos vertidos ao río Umia
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe á Xunta que fiscalice a execución das obras do colector de Cabanelas -Ribadumia-. Castro presentou unha pregunta na Comisión de Medio Ambiente para reclamarlle á Xunta que determine responsabilidades políticas polas eivas nunha actuación que supuxo preto dun millón de euros de investimento.
A responsable socialista explicou que malia que a competencia do saneamento corresponde ao Concello, o goberno galego “ten que levar a cabo o segfuimento e control das políticas medioambientais dos concellos e fiscalizar a xestión que fai das obras executadas con investimento público” da administración autonómica. Reclamoulle así que revise a execución do proxecto de mellora do bombeo e do colector de Cabanelas para corrixir as eivas detectadas e frear os vertidos.
Sinlaou que cumpre determinar “quen ten a responsabilidade do que está a acontecer e ofrecer explicacións claras e transparentes”, xa que un ano despois “segue o mesmo vertido coas mesmas características” no Umia. Este se produce a escasos cen metros dunha captación de auga potable e a menos de 3 quilómetros dun dos principais bancos marisqueiros da ría de Arousa.
Advertiu que a contaminación do río e da ría de Arousa “está a ter consecuencias ambientais, sociais e económicas de gran relevancia”, deteriorando a calidade da auga, afectando aso bancos marisqueiros e á actividade pesqueira, e favorece a aparición de cianobacterias, que poden derivar en toxinas perigosas para a saúde. Ademais, o incumprimento das obrigas ambientais “pode derivar en sancións por parte da UE.
Parálise no punto limpo
Paloma Castro lembrou as sancións económicas impostas ao Concello polas condcións nas que se atopaba o punto limpo, e manifestou a necesidade de que a Xunta fiscalice en que termos vai a funcionar nun futuro esta instalación e que cumpran o prazo para a entrega do fin da obra e posta en funcionamento, fixado para o próximo 30 de decembro.
Cualificou de “esencial” que a Xunta garanta a execución correcta dos proxectos e que os recursos públicos se empreguen de forma “eficiente e transparente” e ofreza “accións urxentes e coordinadas para protexer o territorio, a saúde pública e a economía local”.