Paloma Castro lamenta que teñan rexeitado sumarse ao Pacto de Estado fronte ao Cambio Climático, o que “ninguén responsable dubidaría”
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou hoxe ao PP de manterse “prisioneiro do negacionismo radical” logo de que rexeitaran no Pleno do Parlamento unha proposta socialista que incluía a súa propia proposta de declarar a emerxencia climática en Galicia. O PP votou tamén en contra de sumarse ao Pacto de Estado fronte ao Cambio Climático, algo que “ninguén responsable dubidaría”.
Lembrou que foi o propio PP o que incluíra unha proposta de Resolución no Debate do Estado da Autonomía de 2019 para declarar o estado de emerxencia climática en Galicia, pero o goberno galego foi “incapaz” de aprobar a declaración nos últimos 6 anos. Agora rexeitan a proposta malia ter pasado a peor vaga de incendios forestais dende que hai rexistros, demostrando que Galicia está “no vagón de cola da política ambiental polos incumprimentos da Xunta”.
Reclamoulle ao PP “responsabilidade e altura de miras” para dar “pasos claros no compromiso político coa defensa do noso territorio, da saúde pública e da biodiversidade” e dar “solucións dende o público, dende políticas públicas, que son as que poden solucionalo”. Advertiu que “non nos podemos permitir o negacionismo, pero tampouco a desidia que suporía hipotecar o futuro das próximas xeracións”.
Advertiu que en Galicia “non somos un refuxio climático, como pretende vender a conselleira” do Medio Ambiente, tal e como amosaron as 143.628 hectáreas queimadas no verán, o 43 por cento da superficie que ardeu en toda España. Reclamou unha resposta “coordinada, unida e con consenso” para afrontar as consecuencias da crise climática en Galicia, que “require respostas, un acordo amplo que aglutine a ciencia, o coñecemento, o esforzo, o talento e a vontade”.
Reclamoulle ao PP que se sume á proposta de Pacto de Estado fronte á Emerxencia Climática que ofreza solucións dende as políticas públicas e colabore coas achegas necesarias como “punto de partida para responder á crise global”. Subliñou que “ninguén responsable dubidaría en sumarse a un pacto que se fundamenta no coñecemento científico, a anticipación e a cooperación institucional para protexer á cidadanía, á economía e á biodiversidade”.
A proposta que o PP rexeitou hoxe tamén incluía activar políticas transversais para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e neutralidade climática como máximo en 2050 e implicarse no Pacto Verde Europeo para a transición ecolóxica xusta e integrar Galicia na nova economía verde