Julio Torrado destacou a colaboración de todas as Administracións e a veciñanza na extinción das chamas, que só na provincia de Ourense xa arrasaron 20.000 hectáreas, e asegurou que “non é momento de debates partidistas; a análise debe vir despois”
“A cidadanía debe sentirse orgullosa, porque os lumes apáganse cos seus impostos. Son os servizos públicos os que nos están salvando, e non vexo en primeira liña aos que pasan o día falando de que isto é un inferno fiscal”, dixo
O portavoz da Executiva socialista trasladou “todo o cariño” ás persoas afectadas e a todos os profesionais que traballan sobre o terreo, “en especial aos brigadistas que sufriron queimaduras e intoxicacións”, aos que desexou unha pronta recuperación
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, valorou hoxe a colaboración que se está dando entre as diferentes Administracións á hora de combater a vaga de lumes que xa arrasaron máis de 20.000 hectáreas en Galicia, a maior parte na provincia de Ourense. Tamén por parte da veciñanza das zonas afectadas, á que transmitiu o “afecto” dos e das socialistas. “Son persoas que están vendo os lumes preto das súas casas, e ás que non se lles pode amosar máis que cariño, porque a nós correspóndenos deixar traballar aos servizos de extinción”. Para estes últimos, “as persoas que combaten o lume en primeira liña, brigadas, corpos de seguridade, UME, voluntarios…”, tivo unha mención especial, sobre todo para os brigadistas “que sufriron queimaduras e intoxicacións”, aos que desexou que se recuperen o máis axiña posible. “Debemos sentirnos orgullosos deles”, afirmou.
Durante unha rolda de prensa esta mañá na sede do partido, o voceiro socialista sinalou que o Exército, os corpos de seguridade do Estado, as brigadas autonómicas e o persoal dos concellos están mantendo unha cooperación “enorme”, ante a que fixo un chamamento a que todas as organizacións políticas “deixemos a un lado o debate partidista”. “Non é o momento, non ten ningún sentido e calquera persoa que queira introducilo aquí en Galicia, por favor, que non veña a utilizar Galicia como plataforma das súas leas”, dixo. “Iso virá despois, cando o fogo estea apagado”, engadiu.
Nese senso, recoñeceu que “chegará un momento no que será necesario un debate sobre modelos políticos e sobre o que está acontecendo”. Segundo asegurou, haberá que enfrontalo “con vontade de entendemento común, entre institucións e partidos”. Pero remarcou que “ten que pasar por que, inevitablemente, digamos basta xa de que Galicia arda en agosto, que nos inundemos de promesas en setembro e que en outubro todo se esqueza”. “Isto leva pasando sistematicamente desde hai moitísimo tempo”, lamentou.
Torrado subliñou que o problema dos incendios forestais “non é circunstancial”, senón que ten un carácter estrutural “que ten que ver con cuestións demográficas, económicas e sociais, acompañadas dunha crise climática”. Fronte a esta situación, “hai coñecemento, expertos e organizacións que levan toda a vida traballando sobre o monte” e que haberá que ter en conta para encamiñarse cara outro modelo de xestión contra o lume. “Cando chegue ese debate, por favor, non fagamos o mesmo de sempre”, propuxo.
“Os lumes apáganse con impostos”
O portavoz da Executiva invitou á cidadanía “a sentirse orgullosa, porque os lumes apáganse cos seus impostos”. “Son os servizos públicos os que nos están salvando, e non vexo en primeira liña aos que pasan o día falando de que isto é un inferno fiscal”, argumentou, e identificou a estes últimos, en boa parte, con “negacionistas da crise climática”.
“Son os servizos públicos os que nos están salvando hoxe, e será o sistema público o que nos salve no futuro, con prevención”, concluíu Julio Torrado.
Atendendo a preguntas dos medios sobre as declaracións que Feijoo fixo onte sobre a vaga de lumes, Torrado dixo: “Penso que con respecto a incendios, precisamente, o mellor é que cale”. Tamén foi inquirido polas afirmacións nas que o líder do PP atribuía os fogos a incendiarios. “Hai diversas explicacións para os incendios. Uns son provocados e outros non, pero aquelo de que había tramas incendiarias organizadas a Fiscalía de Medio Ambiente desbotouno no seu momento, e iso probablemente teña algo que ver con algún dos temas que vivimos na política nacional hoxe en día, con obcecación por parte do PP, porque Feijoo odia a todo aquel que lle leva a contraria”, explicou.