Silvia Longueira critica “a nula vontade” do goberno de Rueda para que a cidadanía e as entidades poidan realizar ningún tipo de contribución ao documento e lembra que mentres a consellería crea grupos de traballo para a actualización do plan o PP oponse en Bruxelas a que o galego sexa oficial nas institucións Europeas
A deputada socialista Silvia Longueira denunciou hoxe que a Xunta veña de abrir, “en pleno verán e sen darlle difusión”, un período para realizar achegas á actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega. Trátase, dixo, de outro movemento máis para evitar un verdadeiro traballo a prol do idioma.
Longueira lamentou que o PP use nos seus eventos a figura de Castelao, “que tanto dixo que somos o que somos pola lingua”, e ao mesmo tempo opere en contra do uso do galego nas institucións europeas. “Rexeitou por segunda vez a cooficialidade na UE e animou a todos os conservadores a opoñerse”, recordou.
Iso acontece mentres a Consellería de Cultura lles dá publicidade aos grupos de traballo que constituíu para dotar de contido a renovación do plan, pero a realidade é que a lingua “está sendo vilipendiada e rexeitada polo Partido Popular”, asegurou a parlamentaria do PSdeG.
Para Longueira, o que demostran feitos coma lanzar a finais de xullo un período para que a cidadanía poida contribuír ao plan coas súas ideas é que o que pretende a Xunta é “que non nos tomemos en serio o galego”, ademais da “nula vontade” do Goberno de Rueda de que ese plan sirva para incrementar o uso do idioma propio de Galicia.