Silvia Longueira acusa a Política Social de escatimar información aos potenciais beneficiarios e derivar responsabilidades nos concellos
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou ao PP de “facer unha pantalla de fume” ao sinalar a goberno central e concellos mentres entorpece o cumprimento do dereito á Dependencia en Galicia. A responsable socialista sinalou que a reforma da Lei e o incremento de 52,4 millóns de euros para Galicia por parte do Estado anunciados esta mesma semana garanten unha prestación plena á espera de que o goberno galego cumpra coas súas obrigas.
Longueira acusou ao departamento que dirixe Fabiola García de “boicotear” a Lei da Dependencia en Galicia, á que sitúa á cola das comunidades autónomas que menos aportan á dependencia, só superada pola Rioxa e Castela e León. Así o sinala o informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que revela que o goberno galego do PP é o que menos inviste por persoa potencialmente dependente.
A responsable socialista alertou de que o goberno galego está a escatimarlles información aos galegos que poderían recibir estas axudas nunha “estratexia miserable de xogar cos dereitos dos galegos e das galegas” para evitar asumir estas axudas, co que conseguen que o 40 por cento dos potenciais beneficiarios “simplemente queden á marxe do sistema”.
Silvia Longueira denuncia que ao mesmo tempo o goberno galego non ten ningún escrúpulo á hora de cargar aos concellos con servizos como o de Axuda no Fogar sen garantir os fondos necesarios, afogando as finanzas municipais e poñendo ao límite as prestacións sociais.
Esixiulle ao Executivo autonómico que “deixe de dar escusas de mal pagador” e incremente o esforzo na Dependencia, tal e como lle corresponde. Advertiu que os galegos e galegas “están á espera de que a Xunta faga a súa parte”, logo dunha semana na que o Estado anunciou que destinará 52,4 millóns de euros máis a Galicia para financiar o sistema da Dependencia e a reforma da Lei para incrementar as prestacións, reducir prazos e axilizar as valoracións.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “poña o pé no acelerador” da Dependencia e incorpore os dereitos á Dependencia no Plan Estratéxico de Servizos Sociais que ten pendente, co obxectivo de reducir as listas de espera. Esixe que atendan “de forma escrupulosa” ás tramitacións das solicitudes da Dependencia dos posibles beneficiarios, e que escoiten e tomen nota das aportacións do Colexio de Traballo Social para mellorar a prestación da Dependencia.