Julio Abalde alerta de que a falla de recursos e o deseño do programa polo goberno galego está a provocar o fracaso deste modelo de educación con recursos dixitais
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle hoxe á Consellería de Educación que revise “en profundidade” o programa E-Dixgal de educación con recursos dixitais. Abalde presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación na que advertiu que a falla de recursos postos a disposición e o deseño do programa polo goberno galego ten provocado o seu fracaso logo de 10 anos de vixencia.
Abalde salientou que, logo de ter acadado o máximo de usuarios no curso 2023-24, con máis de 64.500 estudantes e 630 centros, pero a partir de aí comezou unha caída de usuarios e de centros, que suman 44 baixas de centros. Son 23 baixas neste curso, e 14 mais para o curso 2025-2026 en medio das dúbidas do profesorado e dos pais e nais.
A comunidade educativa abandona o programa, segundo eles mesmos alegan, pola a caída dos resultados académica, as queixas das familias polo uso intensivo de pantallas, a falta de beneficios curriculares ou a imposición do modelo. As propias Anpas realizaron enquisas entre os usuarios, nas que aseguran que están de acordo coa dixitalización pero non como se realiza a través deste programa, e por iso o rexeitan.
O responsable socialista reclamoulle a Educación que poña a disposición dos centros, alumnado, profesorado e familias aulas dixitalizadas, equipamento de uso persoal para o alumnado e o profesorado, un entorno virtual de aprendizaxe ou sistemas de seguridade e protección do usuario. Tamén recomenda variedade de contidos dixitais, programas de formación, ferramentas de intercomunicación e colaboración, así como soporte e asistencia técnica.