En Galicia residen actualmente máis de 177.000 persoas migrantes que contribúen ao crecemento demográfico e sosteñen sectores clave da economía e dos coidados. Chegaron na procura dunha vida mellor e forman parte imprescindible da nosa sociedade, sinala na súa iniciativa a deputada Silvia Longueira
A deputada socialista Silvia Longueira vén de rexistrar no Parlamento galego unha batería de iniciativas co obxectivo de coñecer que medidas está a tomar o Goberno galego para garantir unha acollida digna aos menores migrantes non acompañados. A acción parlamentaria chega tras as polémicas declaracións de Vox sobre a deportación de oito millóns de persoas migrantes e a negativa do PPdeG a participar no sistema de acollida, escudándose en “procedementos protocolarios”.
“A xenofobia está a chamar á porta”, advertiu Longueira, quen lembrou que Vox é socio do PP en máis de cen gobernos locais e nun executivo autonómico. “Desde Vox falouse de oito millóns de persoas de orixes diversas que, segundo eles, dificilmente se adaptarían ás nosas convencións e costumes, e que deberían volver aos seus países. Iso non é unha opinión: é un ataque directo á convivencia democrática”, denunciou.
A deputada socialista advertiu de que “o discurso da ultradereita está a contaminar a acción política do Partido Popular, tamén en Galicia. O PPdeG escúdase en cuestións procedementais para eludir a súa responsabilidade coa infancia migrante, nun momento no que máis falta fai liderado político e valentía institucional”.
Longueira estivo onte coa ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, e puido cambiar impresións sobre a resposta institucional ao fenómeno migratorio e, en particular, sobre os mecanismos de acollida de menores non acompañados. “Non se pode construír convivencia desde o medo nin desde o rexeitamento. É responsabilidade das administracións dar unha resposta humana, coordinada e solidaria”, sinalou a socialista galega.
A través das iniciativas rexistradas, o Grupo Parlamentario Socialista pregunta ao Goberno galego que liñas de traballo está a desenvolver para acoller menores migrantes, que medios e recursos está mobilizando a Consellería de Política Social, e que planificación ten prevista a Xunta neste ámbito.
Ademais, os socialistas propoñen que se poña en marcha un arquivo de historias de vida dos menores acollidos, co obxectivo de visibilizar as súas experiencias, sensibilizar á sociedade e combater os discursos de odio. “Queremos que a Xunta non só actúe, senón que tamén conte a realidade destes menores, para que Galicia sexa parte da solución e non cómplice do problema”, concluíu Longueira.