Paloma Castro considera “inadmisible” que a sanidade funcione “a medio gas” nun dos principais destinos turísticos de Galicia que no verán multiplica por dez a poboación habitual
A parlamentaria socialista Paloma Castro esixiulle hoxe ao conselleiro de Sanidade que aprobe un Plan de reforzo sanitario para atender á poboación do Salnés nos meses de verán, cando multiplica a poboación por dez. Castro presentou unha pregunta oral na que cualificou de “inadmisible” que o goberno galego deixe “a medio gas” a sanidade nun dos principais destinos turísticos de Galicia precisamente no momento de maior demanda.
Castro reclamou “máis profesionais cualificados, máis medios e mellor organización” cando a Xunta “continúa virando a cara” e “traslada vendas dunha ferida a outra, recortan de aquí para reforzar alá, pero ao final o paciente sempre é o mesmo, porque teñen á sanidade pública en coidados intensivos. Explicou que o Hospital do Salnés e os centros de saúde da comarca están ao límite, co de Baltar -Sanxenxo- desbordado e o de Raxó -Poio- en obras en pleno verán.
Engadiu que no Grove non hai persoal, en Vilagarcía faltan pediatras e teñen ao persoal sen cubrir, e a ambulancia medicalizada do hospital do Salnés foi trasladada de novo, deixando a parte da comarca desprotexida “en base a datos de poboación falsos para agochar que os motivos son unicamente políticos”.
Esixiulle á Xunta que “deixe de vivir de costas á realidade da comarca do Salnés” e reforce os recursos “non para o ano que vén, non para o seguinte Plan estratéxico: para agora, neste verán”, e que rematen co “agravio comparativo con outras zonas nas que si se poñen medios cando interesa politicamente”.
Castro lembrou que no verán pasado a Consellería de Sanidade permitiu que máis da metade dos médicos de reforzo de verán foran extracomunitarios sen título de medicina de familia homologado e polo tanto incumpriron a Lei de Ordenación de Profesionais Sanitarios. Acusou ao Sergas de “mudar a planificación por autoxestión”, descargando a responsabilidade na auto organización de médicos e enfermeiros ampliando a xornada co modelo de substitucións ou prolongacións.