O secretario xeral das e dos socialistas galegos e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista acusou ao PP de saír do seu congreso “máis ultra do que entrou” e alerta dunha dereita “coordinada, sen escrúpulos e disfrazada de moderación”
Besteiro destacou a relevancia da representación galega no máximo órgano do partido: “Dúas persoas do PSdeG incorpóranse á Comisión Federal de Listas: a nosa secretaria de Organización, Lara Méndez, e o secretario de Acción Exterior, César Mogo”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu este luns de que o PP “sae do seu Congreso máis ultra do que entrou, abrazando claramente, sen ningún xénero de dúbida, o máis puro sistema político aznarista”. Segundo destacou, o conclave celebrado en Madrid “non serviu para lanzar ideas políticas nin proxectos de país, senón que tivo unha única finalidade: botar a Pedro Sánchez”.
“Non hai outra mensaxe, nin outro contido. Todo se resume en botar a Pedro Sánchez, ese é o único proxecto do Partido Popular en 2025”, criticou. Besteiro lamentou que o Congreso conservador servise para “resucitar os vellos tempos da corrupción”, con Aznar e Rajoy como protagonistas: “Mentres os demais asumen responsabilidades, o PP segue aplaudindo á Gürtel”.
Recordou que “aquela boda da filla de Aznar foi, como se viu despois, unha auténtica reunión da mafia”, e que a participación de Rajoy no Congreso conservador foi unha mostra máis da “relación directa ca Policía Patriótica, ca Kitschen, en definitiva”.
Besteiro advertiu de que “o Partido Popular xa abraza claramente esa dereita extrema, esa ultradereita”, e sinalou que esa arquitectura política se está aplicando en Galicia: “a aplicación, aquí en Galicia, de Rueda, que se executa en Galicia disfrazada dunha suposta moderación, que non é real, como todos saben, esa arquitectura desa dereita extrema”.
“Unha arquitectura da dereita actual, que é extrema, que é coordinada e, sobre todo, absolutamente sen escrúpulos”, afirmou.
Fronte a iso, Besteiro puxo en valor o Comité Federal celebrado esta fin de semana polo PSOE, no que se aprobou unha folla de ruta clara para a segunda metade da lexislatura, con medidas de rexeneración democrática, ética pública e defensa dos servizos públicos: “Somos implacables coa corrupción. Non a toleramos nin a admitimos: combatímola e procedemos de inmediato a actuar en consecuencia”.
Entre as medidas acordadas, destacou a modificación do código ético do partido para “reflectir esa expulsión dos militantes que contraten prostitución”, así como a mellora dos protocolos de dereitos e o reforzo do Comité de Ética e Garantías.
Tamén subliñou a relevancia da representación galega no máximo órgano do partido: “Dúas persoas do PSdeG incorpóranse á Comisión Federal de Listas: a nosa secretaria de Organización, Lara Méndez, e o secretario de Acción Exterior, César Mogo”.
Besteiro asegurou que “non podemos frenar esa axenda social e esa axenda regeneradora democrática neste segundo tramo da lexislatura”. “Hai que seguir traballando en vivenda, en programación social, en crecemento económico, en infraestruturas, en desenvolvemento industrial, todo iso que é o que beneficia ao noso país”, declarou.
Destacou tamén que “ese crecemento económico vén acompañado dun reparto dos efectos dese crecemento económico entre a inmensa maioría dos cidadáns”. E engadiu: “Actuamos conforme ao que dicimos”.
Sobre Galicia, volveu denunciar a falsa imaxe de moderación que pretende proxectar o presidente da Xunta: “Rueda é o presidente que ocultou durante cinco meses que un membro do seu goberno estaba sendo investigado por unha denuncia por agresión sexual. Non só ocultou, senón que o despediu, como puido ver toda Galicia, con abrazos e cunha homenaxe”.
“Fronte a unha dereita que utiliza o poder para agochar, para premiar a quen vulnera a lei ou para destruír o público, nós propoñemos outro camiño: máis servizos, máis igualdade, máis decencia política. Galicia precisa unha alternativa que pense na maioría, non nunhas poucas elites. Esa alternativa existe, chámase Partido Socialista”, concluíu.