O eurodeputado socialista galego sinala que “Galicia precisa dun presidente que una ás forzas políticas na defensa dos intereses do país na UE, non que as divida”
Advirte que a “lesiva” proposta de novo presuposto comunitario proposta por Von der Leyen e o EPP ameaza con reducir o papel dos gobernos autonómicos na xestión dos fondos
Reclama que a Xunta aproveite a reprogramación de fondos comunitarios para dedicalos á vivenda pública
Bruxelas, 02 de xullo de 2025. O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, denunciou esta mañá que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, incumpriu o seu compromiso de “desenvolver un traballo conxunto” nas institucións europeas cos representantes das forzas políticas galegas en Bruxelas. Critica que o presidente da Xunta incumpriu unha vez máis o seu compromiso de convocar aos representantes galegos cando visitara Bruxelas, e advertiu que “Galicia precisa dun presidente que una ás forzas políticas na defensa do país en Bruxelas, non que as divida”.
Casares lamenta que Rueda teña demostrado unha vez máis que “non ten ningunha intención de fomentar o traballo conxunto nin informando nin convocando aos eurodeputados galegos”, como vén demostrar na súa visita ao Comité da Rexións. Sinala que a “miopía” e o “partidismo” de Rueda son “lesivos” para os intereses de Galicia.
Advirte que desta vez coincide no momento no que a Comisión Europea está a punto de presentar a proposta do novo Marco Financieiro Plurianual (MFP) post 2027 e a súa presidenta, Ursula Von der Leyen, xunto co Partido Popular Europeo, están a promover unha centralización da xestión dos fondos comunitarios nas autoridades centrais dos Estados membros.
González Casares explicou que coa “os gobernos rexionais poden perder peso na xestión dos fondos de cohesión” coa proposta do PP Europeo, “algo ao que os socialistas nos opoñemos”. Puntualizou que “se o presidente da Xunta quere frear esa proposta, debera buscar aliados no segundo grupo da Eurocámara para desenvolver un traballo conxunto que pare propostas lesivas como as que defende o seu partido a nivel europeo”.
Vivenda pública
Finalmente, o eurodeputado socialista galego reclamoulle ao presidente da Xunta que se comprometa co uso de fondos comunitarios para a promoción de vivenda pública en Galicia aproveitando a posibilidade de reprogramación de fondos comunitarios que se abre coa revisión intermedia do Marco Financeiro Plurianual vixente.
Europa permite reprogramar ata un 15 por cento dos fondos que “poden e deben ser utilizados para a construción de vivenda pública, se é que realmente a prioridade da Xunta é a de dar resposta ao problema da vivenda en Galicia”, reclamou.