Carmen Dacosta alertou do déficit de traballadores para a defensa contra os incendios forestais e esixiulle ao Goberno do PP medidas para atallalo
A deputada do PSdeG criticou que o modelo do PP, “ineficaz, inseguro e precario” que, ademais, “non se axusta á realidade do territorio galego nin á virulencia dos incendios actuais”
O Grupo Socialista reclamoulle hoxe á Xunta que mude o seu modelo de defensa contra os incendios forestais, baseado na oferta de convenios aos concellos para o despregue de brigadas, cara un servizo “único, estable e profesional” que dependa directamente da Administración autonómica. A través dunha iniciativa que defendeu en comisión a deputada Carmen Rodríguez Dacosta, tamén instou ao Goberno do PP a manter os acordos coas entidades locais “só para labores preventivos” cunha duración mínima de seis meses e que, en todo caso, permitan finalizar eses traballos “con anterioridade á época de alto risco de incendios”.
Dacosta advertiu que o modelo do PP “non se axusta á realidade do territorio galego nin á virulencia dos incendios actuais”, e censurou que os concellos asuman competencias impropias nese eido “de xeito continuado”. De feito, as deficiencias que presentan os convenios motivan que cada ano sexan menos as entidades locais que os formalizan. Trátase, en definitiva, dun modelo “superado, ineficaz, inseguro e precario que, ademais, “está a poñer en risco tanto a seguridade das persoas que o integran como a dos propios territorios que debe protexer”.
A proba de que o sistema non funciona é, segundo a deputada do PSdeG, que 78 concellos gobernados polo PP “non foron quen de constituír brigadas de prevención a pesar de estar adheridos ao convenio”. O número de brigadas pasou de 263 no ano 2016 a só 151 no 2023, mentres a conselleira non contesta á pregunta de cantas se constituíron no 2024, recordou sobre o caótico da situación.
As causas, tal como sinalou, son a falta de persoal, “un problema que advertimos e que a Xunta coñecía, e non fixo nada”, polo que esixiu medidas urxentes co fin de atallalo; unha data límite de formalización inadecuada, como é o 31 de xullo, “en plena época de alto risco”; unha formación “escasa e insuficiente, ridícula para persoas que están obrigadas a participar en operativos de extinción”; obxectivos inasumibles en canto a rozas; unha carga económica excesiva para os concellos, e incluso unha competencia entre eles derivada do propio deseño do convenio da Xunta.
De todo iso informou o grupo de expertos de apoio á Comisión do Parlamento nun documento que entregou en 2019 e que xa propoñía reformular o sistema reorientándoo cara labores de prevención real e un reforzo da profesionalización do servizo, “exactamente o que hoxe estamos a propoñer”, remarcou Carmen Rodríguez Dacosta.