Elena Espinosa critica a “falla de interese” do PP para acelerar a atención á saúde mental logo de que rexeitaran pedir un Plan de acción inmediato para os próximos dous anos
O Pleno do Parlamento aprobou hoxe parcialmente unha Proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que elabore un novo Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia. A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, presentou onte esta proposta que foi votada hoxe pero da que o PP retirou a petición dun Plan de acción que responda das necesidades neste eido durante os próximos dous anos.
A proposta aprobada hoxe reclama un Plan de Saúde Mental que recolla as “necesidades reais” e que conte coa participación do persoal especializado porque, advertiu, actualmente o goberno galego non garante o dereito a estas prestacións en condicións de calidade, accesibilidade e igualdade efectivas”. Lembrou que a saúde mental é recoñecida como “prioridade de saúde pública e un dereito humano fundamental” pola Organización Mundial da Saúde.
Lamentou por iso o escaso interese do PP por acelerar a mellora nesta prestación, logo de que rexeitaran a autoemenda que presentou para que, en tanto o Plan Estratéxico non sexa aprobado, poñan en marcha un Plan de Acción para os próximos dous anos. O PP negouse así, explicou, a equiparar as ratios de profesionais de saúde mental coa media estatal, reducir as listas de espera, a atención das condutas adictivas e tomar medidas concretas para reducir a taxa de suicidio.
Advertiu que o Plan de Saúde Mental que está actualmente en vigor naceu “baseado nun estudo epidemiolóxico do 2009” e que, segundo o Consello de Contas, presenta “brechas de equidade, sustentabilidade e eficacia na implementación”, con “atrasos significativos na contratación de persoal e a non execución de proxectos cualificados como prioritarios” debido a que “o 16% do gasto quedou sen executar”.
Espinosa denunciou que “os recursos de persoal foron un 7,59% menos dos previstos, e isto é suficientemente grave cando a cociente de psiquiatras por habitante en Galicia está moi por baixo das recomendacións da OMS, que cifra entre 13 e 15 por cada 1.000 habitantes e en Galicia estamos en 8,7”. Nese contexto, “as listas de espera para a primeira consulta aumentaron e non se sabe nada das consultas posteriores, tan necesarias para un seguimento do tratamento”.
A situación é especialmente grave nas áreas sanitarias de Lugo, A Mariña e Monforte, onde “entre o 2019 e o 2023 aumentaron nun 297%, mentres na Área de Coruña-Cee baixaron”. Espinosa advertiu que “o obxectivo que incluía o plan de saúde mental para reducir as listas de espera, só se cumpre en tres das sete áreas sanitarias”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a elaborar un novo Plan de Saúde Mental que recolla as necesidades reais, baseado tamén nas experiencias obtidas, que sexa participativo co persoal especializado en saúde mental e que dea resposta ás necesidades de saúde mental dos galegos e as galegas”.