Profesionais, divulgadores e testemuños persoais analizarán a situación da saúde mental en Galicia e o papel do sistema público
O Grupo Socialista leva meses reclamando actuacións urxentes para garantir o acceso real á saúde mental na sanidade pública galega
O ciclo Diálogos con Raíz volve este luns, 16 de xuño, cunha nova cita centrada nun dos temas de actualidade que máis preocupa á sociedade: a saúde mental. Será en Ourense, nun momento no que Galicia arrastra datos preocupantes. As esperas para ser atendido na sanidade pública superan os cinco meses, a falta de profesionais sitúanos á cola do Estado e o consumo de psicofármacos segue en aumento. A atención psicolóxica e psiquiátrica convertiuse, para moitas familias, nun servizo só accesible na rede privada. “A saúde mental é hoxe unha das grandes urxencias sanitarias do noso país, e non pode seguir agardando”, sinalan desde o PSdeG.
Nesta xornada combinaranse a análise profesional de especialistas coa visión directa de quen viviu en primeira persoa a realidade da saúde mental: David Simón, médico psiquiatra da Área Sanitaria de Ourense e experto en programas de prevención do suicidio. Belinda Ínsua, enfermeira especialista en saúde mental e divulgadora nas redes sociais, onde suma unha ampla comunidade de seguidores. Elisardo de la Cruz, actor e produtor da obra “Esas cousas marabillosas”, que aborda desde o teatro o estigma e a realidade das persoas con problemas de saúde mental.
A moderación estará a cargo de Natalia González Benéitez, secretaria xeral do PSdeG en Ourense, mentres que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, será o encargado de clausurar un acto que volve situar a saúde mental como unha das prioridades ineludibles para as e os socialistas galegos.
A xornada celebrarase o luns, 16 de xuño, ás 19:00 horas, no Hotel Barceló. Os Diálogos con Raíz continúan así a súa andaina como espazo de reflexión serena sobre temas de actualidade e de especial impacto social para o noso país.