Lara Méndez alerta do deterioro dun centro de referencia polo abandono do goberno galego, que ten “a directriz política de non apostar” pola excelencia na investigación agraria
A portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe á Consellería do Medio Rural de “provocar o deterioro” do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e de prescindir do talento do persoal investigador e de campo. Méndez presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura, na que acusou ao goberno galego de seguir a “directriz política de non apostar” polo centro.
A parlamentaria socialista advertiu que o goberno galego provocou que o CIAM pasara de 51 postos en 2008 a 44 en 2021, dos que actualmente só hai cubertos 35, provocando unha redución do 35 por cento da plantilla. Advertiu que “é insostible manter os niveis de excelencia do centro sen plantilla”, que está a sufrir o “ninguneo e falla de respecto” por parte do goberno galego, ao que responsabiliza da “torpeza” de prescindir da súa capacidade.
Ademais, a realidade é que as instalacións están obsoletas e a maquinaria fora de uso, co que o centro “non pode facer o traballo como debera”. Retrucoulle á Xunta que os 6 millóns de investimentos en infraestruturas dos que presumen corresponden a un banco de xermoplasma que que foi anunciado en xaneiro de 2024, antes das eleccións, pero a día de hoxe segue sen estar rematado, polo que “non poden facer uso del” e estase a deteriorar mes a mes.
Endogamia
Lara Méndez esixiulle a Medio Rural que “escoiten” ao persoal, que ten presentado un escrito diante da Valedora do Pobo asinado por 21 dos 23 traballadores, agás o xefe de Formación e a súa muller, que é a xefa de Coordinación e Desenvolvemento Tecnolóxico. Advertiu fronte ao “traballo endogámico e sectario” por parte dos responsables políticos do centro, que “prescinden da maior parte do talento para o beneficio dalgunhas persoas”.
Aludiu así á presentación dunha das liñas de investigación máis importantes do centro, asumida precisamente polo xefe de Formación, Innovación e Investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, da que depende o CIAM, e a súa muller, xefa de Coordinación e Desenvolvemento Tecnolóxico do mesmo CIAM, obviando aos investigadores que levaron adiante a iniciativa.
Advertiu que o propio xefe de Formación aprobou unha liña de investigación desenvolvida por el mesmo, a súa muller e o xefe de área dun ente colaborador privado que é o seu cuñado, “incidindo nun claro conflito de intereses”.