O portavoz da Executiva do PSdeG tamén se referiu ao caso Villares e cualificou de “indigno” que o PP tardara “apenas 15 minutos” en filtrar o nome da vítima logo de 5 meses de agochar a denuncia por agresión sexual do ex conselleiro do Mar e advirte: “Pode ser constitutivo de delito”
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, acusou hoxe ao presidente da Xunta de presentarse na Conferencia de Presidentes de onte venres “como un soldado, un mandadiño de Feijóo” e contribuír a “montar o show” que tiña preparado o PP a costa de deixar de lado as necesidades dos galegos e das galegas en materia de vivenda. Advertiu que con esta actitude están a demostrar que “non están á altura do país”.
Torrado lamentou que a resposta de Rueda á proposta do presidente do goberno cun gran acordo de país con investimentos millonarios para Galicia en materia de vivenda fora “ir falar de okupación, un problema que non existe en Galicia, porque llelo mandaron”. Advertiu que no mellor momento da economía española, que é referente internacional, e con datos históricos de emprego, Rueda fora seguir a estratexia do PP de “competir con Vox para para ver quen é máis trumpista”.
Lamentou que o presidente da Xunta se dedicara a “aplaudir” que os presidentes do PP se levantaran da reunión -en alusión á presidenta de Madrid-, logo de que a conselleira de Política Social se ausentara da xuntanza sobre xestión migratoria, ou o de Facenda fixera o mesmo no encontro sobre financiamento. Resumiu que a “gran aportación” de Rueda é “levantarse das reunións” e ironizou: “sabe de levantarse, pero de sentarse a traballar pouquiña cousa”.
Agresión sexual
O responsable socialista esixiulle a Rueda que explique por que tivo “agochado” no goberno a un presunto agresor sexual denunciado durante 5 meses nos que “ninguén dixo nada” ata que quedou “sen outra alternativa” que dimitir. A súa única preocupación, insistiu, foi “aplaudir e abrazar” ao presunto agresor, que “non dimitiu por dignidade”, senón que utilizou o seu aforamento dende que coñeceu a denuncia en decembro “para retrasar o caso e agardar por un arquivo que non chegou”.
Criticou o “espectáculo bochornoso” do PP e do goberno galego ao deseñar unha “estratexia de moi baixa moralidade” para “intenta frear o impacto político” da denuncia por agresión sexual contra o xa exconselleiro do Mar e “poñer o foco na denunciante”. Cualificou de “indigno, inmoral e que pode ser constitutivo de delito” que logo de 5 meses despois de coñecer a denuncia, o PP tardara apenas 15 minutos en contarlle aos medios o nome da vítima”.
Criticou que disfracen de “heroísmo” o que é “unha indignidade máis” do conselleiro ao que “aplaudiron e homenaxearon coma se fora a vítima” nunha estratexia “insoportable” de sinalar á vítima. Acusou ao PP de “pensar en todo momento en clave de impacto político e electoral, e nunca na gravidade do caso”. Sinalou en concreto ao presidente da Xunta e á conselleira de Igualdade de non ter trasladado “nin unha sola palabra sobre a denunciante”.