Apunta que os Orzamentos da Xunta só contemplan 37,5 millóns dos 105 que custarán as obras, co risco de que o retraso se prolongue “máis alá de 2030”
A parlamentaria socialista Silvia Longueira esixiulle hoxe á Consellería de Sanidade que garanta a continuidade dos proxectos de investigación e innovación sanitaria que se están a desenvolver no novo CHUAC durante o tempo que duren as obras. Longueira presentou unha pregunta na Comisión de Sanidade logo da alerta lanzada polo Colexio de Médicos pola falla dun espazo asignado para continuar cos proxectos.
Longueira sinalou a “falla de concordancia” entre a versión do Colexio de Médicos e a da Xunta, e lles reclamou que aseguren que estes espazos estean “consolidados e sigan vixentes” e vaian quedar á marxe dos retrasos previstos nas obras.
Neste sentido, sinalou que os Orzamentos tan só incorporan 37,5 millóns de euros dos 105 que están orzamentados nas obras, polo que o retraso podería prolongarse “máis ala de 2030”. Advertiu que en calquera caso van incumprir “de lonxe” os prazos previstos cando anunciaron as obras en 2022, cando sinalaban que no horizonte de 2025 xa estaría o 80 por cento rematado, o que non se está a cumprir por moito.