Silvia Longueira critica o voto en contra do PP a tomar medidas preventivas contra a soidade en persoas maiores e desafíaos a reclamar xudicialmente a suposta débeda do Estado pola Dependencia
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, criticou que a Estratexia Galega contra a Soidade Non Desexada presentada a semana pasada pola Xunta logo de seis anos de espera “chega tarde” a ademais “chea de xeneralidades”. Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento, ironizou sinalando que “o mesmo serve para reparar un ordenador que para capar un cocho”.
Longueira fixo estas afirmacións no debate dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedir medidas preventivas a favor das persoas maiores sen apoio familiar que poidan derivar en dependencia grave, e que foi rexeitada polo PP. A responsable socialista afeoulle ao PP que se escudaran na suposta débeda de 2.500 millóns de euros do Estado en materia de Dependencia e que, dixo, non explican como os contabilizan, polo que os desafiou a reclamar xudicialmente.
A responsable socialista centrou a súa intervención en cuestionar que o PP presente a Estratexia contra a Soidade reaccionando “máis por presión que por planificación”, polo que está construída con partidas que xa estaban proxectadas previamente e que deixan sen explicar. En resumo, trátase dunha “idea feliz sen concretar”, que obvia aos concellos e, en definitiva, poñen enriba da mesa con “efectos máis paliativos que estruturais”.
Advertiu que as medidas postas enriba da mesa pola Xunta, como pode ser o teléfono de axuda, o voluntariado ou as mascotas “non abordan as causas estruturais” da soidade non desexada, como son a pobreza, a exclusión, o deterioro dos servizos sociais ou os recortes en Dependencia. Emprazou ao goberno galego a aprobar dunha vez o Plan Estratéxico de Servizos Sociais previsto pola Lei de Servizos Sociais que levan desbotando dende que chegaron ao goberno.