Julio Abalde reclamoulle ao Goberno galego unha estratexia de contratación pública que fixe como criterio de adxudicación ou de execución a oferta de produto de proximidade procedente do mar
O deputado do PSdeG denunciou que a Consellería está a fiar o apoio ao sector da pesca e o marisqueo a plans de “márketing e publicidade” sen comprobar a súa efectividade
O Grupo Socialista insistiu hoxe na necesidade de que se primen os produtos de proximidade nos contratos públicos. O portavoz de pesca, Julio Abalde, reclamoulle hoxe á Xunta a través dunha pregunta na Comisión de Pesca, que aprobe unha estratexia de contratación co fin de, entre outros obxectivos, fomentar o consumo de produtos do mar procedentes da propia Galicia.
Abalde sinalou que, para os servizos de comedor de hospitais, centros escolares ou residencias de maiores, se debe establecer como criterio de adxudicación ou como condición especial de execución o uso de peixe galego, sinaladamente do cerco. “Esa é unha ferramenta que si podería empregar a Xunta, e lamentablemente no o está facendo”, afirmou.
O deputado do PSdeG recordou que o do mar “é un sector fundamental para a economía galega”, e que está atravesando “un mal momento”. A proposta do Partido Socialista serviría para apoiar o seu desenvolvemento. Julio Abalde lembrou tamén que o emprego de produtos de quilómetro cero tamén ten beneficios directos sobre o medio ambiente, posto que o impacto do seu transporte é menor, e sobre o emprego.
“Se baixa a produtividade, para que se fan as campañas, para os produtos de fóra?”
“Esa si sería unha boa política”, remarcou Abalde en contraposición ao que viña de denunciar momentos antes, durante a comparecencia da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar na comisión. O deputado socialista recriminoulle á responsable autonómica que se estea a fiar o apoio á pesca e o marisqueo a “campañas de márketing e publicidade”, o que non aporta solucións ao problema de fondo.
Abalde apuntou nomeadamente á situación das rías, onde os e as profesionais están sufrindo unha “brutal baixada da produtividade, sen que a consellería faga nada”. “E se baixa a produtividade, para que se fan as campañas? Para los produtos de fóra?”, preguntouse.
A iso engádese a “falta de diagnose” sobre o resultado desas iniciativas. “Hai que analizar a súa efectividade, non sexa que esteamos gastando os cartos para nada”, demandou, e insistiu en que, á marxe diso, faltan “plans de impulso ao consumo de peixe”, que caeu un 16 % desde o 2019 e un 3 % entre o 2023 e o 2024.