O líder dos socialistas galegos defende a “coordinación, respecto e colaboración” por parte do Estado co goberno galego na xestión da crise
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou hoxe de “inexplicable” a crítica do líder do PP e expresidente da Xunta, Núñez Feijóo, á xestión do apagón eléctrico do luns. Advertiu que Feijóo “non da unha a dereitas” cando ademais está a facer estas declaracións dende Valencia, onde apoiou o pacto de goberno entre PP e Vox e onde “non foi capaz de criticar a Mazón” polo caos da xestión da dana.
Contrastou así o apoio pechado de Feijóo ao presidente da Comunidade Valenciana e, acto seguido e “sen que lle caia a cara de vergoña”, critica a xestión da crise enerxética que “en Galicia está a ser defendida polo propio Alfonso Rueda”. Lembrou así que o presidente galego alabou a coordinación ofrecida por parte do goberno de España, nun “marco de absoluta coordinación, respecto e colaboración”, que “é o que os cidadáns queren escoitar”.
Defendeu que “nos momentos de crise e problemas o que hai que facer é colaborar e axudar, e non críticas”, e salientou a absoluta normalidade coa que o goberno central asumiu a xestión cando a Xunta solicitou o nivel 3 de emerxencia. Posteriormente, no día de onte, pediu volver ao nivel 2 de emerxencia e a Xunta retomaba a súa responsabilidade.