O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta cualifica os actos da pasada noite como “intolerables” e sinala que é “unha mostra máis do odio que alenta tanto á extrema dereita como o PP”
José Ramón Gómez Besteiro, candidato dos socialistas galegos á Presidencia da Xunta, esixiu este luns a Alfonso Rueda que se desmarque de Feijóo e Ayuso e “condene de forma expresa a violencia” desta noitevella de radicais de extrema dereita ante a sede do PSOE na rúa Ferraz de Madrid.
Besteiro entende que estamos ante “actos radicais” que “son intolerables” e “unha mostra máis do odio que alenta tanto á extrema dereita como ao Partido Popular”. Entende que “os ataques violentos ao presidente do Goberno son culpa daqueles que alimentan o discurso reaccionario”.
“Por iso, diríxome ao señor Rueda para pedirlle que desta vez condene de forma expresa a violencia”, sinalou o candidato socialista, ao mesmo tempo que advirte ao presidente da Xunta que “a tibieza que amosou nos ataques ás casas socialistas en Galicia non pode ser a resposta, ten que dar un paso ao fronte e condenar a violencia”.
Así mesmo, engadiu que “Rueda ten que desmarcarse de Feijóo e Ayuso e frear a violencia, froito dunha dereita que segue sen admitir que perdeu as eleccións e non vai gobernar”.