Recolle a preocupación do grupo municipal socialista desa localidade pola falta de información sobre este proxecto, malia terlla requirida ao goberno local
A deputada socialista Noa Díaz vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia nas que se lle reclama á Xunta o máximo rigor na avaliación dos efectos ambientais para o posible proxecto de restauración da antiga canteira de Niveiro, no concello de Val do Dubra.
Desta maneira, recolle a preocupación do grupo municipal socialista desa localidade que alertou sobre “a falta de transparencia e de información” en torno a esta iniciativa, a pesar de terlla requirida ao goberno municipal.
Noa Díaz explica que esa preocupación, que tamén afecta á veciñanza, xorde tras a consulta informativa realizada por unha empresa sobre a posible rehabilitación desa antiga canteira con residuos non perigosos. “O proxecto conta cun informe negativo do propio Concello”, sinala, pero con todo “parece que a empresa mantén o seu propósito”.
Nesta liña, afonda en que “existen dúbidas e moita preocupación polas consecuencias que ese proxecto podería causar”. Entre elas, menciona o excesivo tráfico pesado, o ruído e os cheiros e a afectación á calidade das augas, nun concello “onde a agrogandeiría é a súa principal actividade”.
A deputada compostelá incide en que para a tramitación última deste proxecto son preceptivos diversos informes da Xunta de Galicia, “que si podería autorizar a restauración ambiental desa vella canteira de áridos”. Porén, “convén saber de que maneira se efectuaría para non dar lugar a un vertedoiro que conta coa oposición veciñal e da corporación do Concello de Val do Dubra”.
Por todo isto, reclámalle ao goberno galego a “máxima transparencia con respecto a este proxecto” e “que se extremen as medidas ambientais e de control” para evitar futuros prexuízos á veciñanza.