O líder dos socialistas galegos urxe ao presidente da Xunta a “suspender unha carreira electoral na que non ten contrincante político” interno para atender a unha Galicia que “necesita dun presidente comprometido co país”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, instou ao presidente da Xunta a responder á súa petición de encontro e “sentarnos a falar para detectar e poñer en marcha tódolos mecanismos dos que dispón a Xunta” para activar un plan de axudas dirixido ao sectores castigados pola crise derivada da guerra de Ucraína.
O responsable socialista advertiu dende Ferrol que a súa petición de encontro “non tivo contestación” por parte do presidente da Xunta, a quen lle urxiu a “suspender a súa carreira electoral na que non ten contrincante político” interno. Considera máis importante “sentarnos a falar para preocuparnos da situación dos mariñeiros, dos agricultores ou dos transportistas”.
Formoso advertiu de que “necesitan dun presidente comprometido agora mesmo cun proxecto que se chame Galicia”, e que a cidadanía “ten que ter a percepción de que o goberno utilizar tódolos mecanismos de que dispón para aliviar a presión” dos prezos dos combustibles. Engadiu como exemplo os agricultores que necesitan de aprovisionamento de materias primas para forraxes.
Apuntou que a Xunta dispón de 13.000 millóns de euros de Orzamento e competencias propias “de sobra” como para “intentar aliviar a situación” e “axudar á poboación en xeral e aos sectores en particular”.
O responsable socialista sinalou como primeira medida a rebaixa “automática” das peaxes tanto autonómicas como estatais, e sinalou que a proposta socialista pasa por unha rebaixa do 50 por cento nas peaxes ao público e dun 75 por cento aos transportistas, que constitúe “unha das moitísimas propostas que temos en marcha”.