Subliña que “a presión do PSdeG” foi capaz de conseguir que o goberno galego anuncie a reanudación as obras do CIS e denuncia que a Xunta segue sen comprometerse coa dotación dunha nova ambulancia para a zona
O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe que a Xunta sexa “tan conformista” cos problemas de dotación sanitaria na comarca do Deza. Nesta liña enumerou graves eivas, cun centro de saúde nunha situación “insufrible e calamitosa”, con falta de profesionais, sen compromiso para dotar dunha nova ambulancia á zona e coa construción do CIS paralizada dende hai máis dun mes.
Con respecto a este último asunto, Torrado puxo de relevo que foi a “presión exercida polo PSdeG” a que acadou que o goberno galego anunciase que prevé retomar os traballos a partir da vindeira semana. “Se nos non estivésemos hoxe aquí preguntando por isto”, subliñou na Comisión de Sanidade do Parlamento, “se os nosos compañeiros en Lalín non estivesen permanentemente insistindo nesta necesidade, quen sabe para cando retomarían vostede a obra do CIS”.
Nesta liña, agradeceu o papel xogado por todas as persoas en Lalín que manifestaron esa demanda, “porque cremos que así tamén conseguimos que vostedes aceleren un pouco algo que tiñan que facer de por si”. En calquera caso, Julio Torrado manifestou o seu desexo de que “esa previsión se cumpra e non teñamos que volver aquí dentro de dúas semanas para preguntar por que non se fixo”. Así, tras lembrar “a xestión ineficiente, partidista e, nalgún caso, sectaria” da Xunta con respecto ao CIS de Lalín, advertiu que “é mellor facer as cousas, que vendelas sen facer”.
Por iso -fronte á propaganda, os anuncios e a política de titulares do PP- o parlamentario socialista defendeu a utilidade de “facer xestión e de dar resposta á necesidades da cidadanía” porque o goberno galego “promete moi ben, pero cumpre moi mal”. “Cada un dedícase ao que sabe”, engadiu Torrado, “nós a defender a sanidade pública e vostedes a gañar titulares”.
Máis alá diso, Julio Torrado alertou de que a realidade da situación sanitaria no Deza “é preocupante”. En Lalín, particularmente, ”sofren esta situación dende hai anos” e o déficit de persoal “xa non é nin motivo de conversa”, con momentos nos que incluso o PAC queda sen atención. E mentres tanto, enfatizou, “vostedes teñen alí ao alcalde Crespo intentando defender a praza numantinamente, cada día cun argumento distinto porque non ten capacidade de xestión”.
A maiores, Julio Torrado explicou que non hai explicación ás demoras na construción do CIS nin á súa execución orzamentaria, que a veciñanza da comarca ten un problema grave coas instalacións onde debe ser atendida, que o centro de saúde é “insufrible en termos estruturais” e que o mantemento é “imposible”.
A iso súmanse eivas noutros municipios como, por exemplo, a rotación permanente de baixas durante meses no centro de saúde de Rodeiro, o que fixo que o propio goberno local do PP esixise unha solución. “Así é imposible ter unha boa atención”, alertou o deputado socialista.
Finalmente, Julio Torrado lamentou que a Xunta siga sen ter vontade de comprometerse coa promesa dunha nova ambulancia para a zona, tal e como anunciou o propio Feijoo nun Pleno do Parlamento.
O deputado socialista lembrou que o presidente da Xunta dixo que “estaría en breve e, dende entón, o que se puxo foi un vehículo de apoio, non una ambulancia”. Isto quere dicir que “mentiu e que non resolveu ningún dos problemas que había daquela”, concluíu.