Paloma Castro lamenta que “os populares están a intensificar unha campaña de medo, na que pretenden facer crer á opinión pública, que existe un verdadeiro problema de ocupación no noso país” para “xerar alarma social”
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, lamentou hoxe a negativa do PP a impulsar políticas de vivenda e programas de realoxo temporal para familias en risco de exclusión. Castro presentou unha emenda neste sentido a unha proposta presentada polo PP en Comisión coa que, dixo, “pretenden facer crer que existe un verdadeiro problema de okupación” nunha “campaña de medo” para “xerar alarma social”.
Os populares desbotaron a emenda socialista, e Castro laiouse de que “o PP magnifica un problema, a día de hoxe, minoritario” e recordou as palabras do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen asegurou que “a alarma xerada sobre a ocupación de vivendas aséntase nunha situación paradoxal porque non está avalada polas cifras”.
A responsable socialista expuso os datos publicados pola sección de estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial que destacan que “no primeiro semestre deste ano os xulgados galegos ingresaron 51 demandas por ocupación ilegal, fronte ás 65 do mesmo período de 2019”. E, recalcou que, “no saco da estatística, métense tanto as demandas por usurpación como as denuncias por allanamento, dous delitos moi distintos tanto na acción delitiva como nas consecuencias legais”.
Neste senso, lembrou que “trala reforma do Código Penal, efectuada durante o goberno de Mariano Rajoy en 2015, o delito de usurpación”, que implica ocupar sen autorización un inmoble que non constitúa primeira o segunda residencia, “é un delito menor penado cunha multa”. Así, incidiu en que fora o PP quen rebaixou esta pena e “agora, por pura demagoxia política ou populismo, pretenden modificala”.
Así, Castro lamentou que “detrás desta campaña de medo están algunhas das grandes empresas deste país con membros do PP nos consellos de administración, que agora se dedican tamén a instalar sistemas de alarma e protección”.
Doutra banda, a responsable socialista denunciou que a Xunta “tenta trasladar competencias en materia de vivenda aos concellos” cando esta “é exclusivamente autonómica”. Neste senso, urxiu á Xunta a impulsar políticas “que garantan o acceso da cidadanía a unha vivenda digna” con “medidas potentes” para impulsar o parque público de vivenda de aluguer, acadar unha xestión “eficiente” do parque público de vivendas protexidas, así como promover a rehabilitación dos edificios.