A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que aumente os recursos de persoal adscrito á Fiscalía Superior de Galicia “ata acadar a ratio de 1 funcionario por cada fiscal”. A responsable socialista interveu na comparecencia do fiscal superior de Galicia diante do Parlamento para presentar a Memoria da Fiscalía Superior do ano 2019.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego “que se poña as pilas” para reforzar á Fiscalía tanto a nivel de persoal como nos medios materiais. Sinalou que “estamos lonxe de acadar os obxectivos marcados polo último Plan Senda” e pediulle á Xunta “máis ambición, aumentar o investimento e apostar pola dixitalización como ferramenta necesaria para incrementar tanto a eficacia como a eficiencia da Administración de Xustiza”.
Advertiu de que a pandemia e o Estado de Alarma chegou a Galicia “cunha Xustiza convalecente”, logo dunha recuperación lenta dos efectos da folga de 2018, cunha “situación terrible con sinalamentos para 2023, ou con procedementos no ámbito penal incoados de 2018 sen sinalamento de vista”.
Dixo que a situación derivada da covid 19 “precipitou a necesidade de recorrer a fórmulas como o teletraballo, as declaracións por videoconferencia, e puxo máis en evidencia esta carencia e a necesidade de mellorar os medios materiais e tecnolóxicos, así como aumentar o persoal informático de apoio, incluíndo a necesidade de implantar a fiscalía dixital”. Neste sentido, avogou por mellorar a sinatura dixital ou problemas como a interoperatividade entre fiscalías.
Igualdade
Paloma Castro deu a luz de alarma ademais polo incumprimento do Plan de Igualdade na Carreira Xudicial 2018-2020, por canto as categorías superiores do organigrama da Fiscalía de Galicia tan só contan cunha única muller e 13 homes. Parabenizou neste sentido á fiscal Rosalina Carrera “por ter superado ese teito de cristal e por un posto ben merecido”. Tamén sinalou a creación das Fiscalías Provinciais Anticorrupción de Pontevedra e A Coruña, que “reforza a Xustiza e a dota dunha mái.s e mellor calidade democrática”.
A responsable socialista sinalou ademais a urxente necesidade de tomar medidas para axudar ás mulleres vítimas da violencia de xénero, á vista dos datos reflectidos pola Fiscalía, afecta ás mulleres inmigrantes 5,4 veces máis que as galegas de nacionalidade española. Instou á Xunta a “tomar nota” da necesidade de iniciativas para previr e axudar a estas mulleres.