A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, esixiulle hoxe á Xunta publicamente que responda ás peticións formais para entregar o expediente completo das oposicións a inspector veterinario convocadas en marzo de 2017 e que quedaron dende aquela sen resolver. Vilán presentou unha pregunta oral en Comisión logo do anuncio dunha nova convocatoria de 122 prazas sen ter resolta a anterior 2 anos e medio despois.
Vilán urxiu a completar o proceso pola necesidade de persoal en servizos que dependen destes profesionais, como é o caso dos matadoiros públicos, cunha importancia fundamental en materia de saúde pública, e para garantir a estabilidade no emprego duns profesionais que levan “demasiado tempo ao albur dunha administración irresponsable e dunha xestión desastrosa”.
Criticou que o goberno galego veña agora a dar por rematado o proceso selectivo logo dunha tramitación excesivamente longa polos recursos interpostos fronte aos acordos do Tribunal de selección, así como por diversas dúbidas interpretativas no procedemento. Acusounos de “xogar coa xente” ao anunciar un novo procedemento logo de terse demostrado incapaces de xestionar o anterior.
Lembrou que a Comunidade Autónoma só coñeceu tres procesos selectivos para o corpo de veterinarios, correspondentes aos anos 1992, 2005 –pendente de recursos-, e 2017, todos eles convocados por gobernos do PP “cunha marxe de tempo enorme”.