A responsable socialista na Comisión de Peticións do Parlamento, Patricia Vilán, subliñou que a designación hoxe da candidata do Grupo Socialista a adxunta á Valedora do Pobo permite “abrir unha nova etapa” na institución. Hoxe foi aprobada a candidatura de María Xosé Porteiro co voto a favor do PSdeG e do PPdeG, pechando co proceso de relevo da anterior Valedora, condenada polo TSXG por amañarlle un cargo á medida da irmá do portavoz do Grupo Popular.
A responsable socialista sinalou que grazas a estas designacións a institución contará por primeira vez na súa historia con dúas mulleres á súa fronte, que presentan “dous currículos brillantes na súa traxectoria profesional e vital, máis que moitos homes que pasaron pola institución” e son “intachables”. Advertiu que “non son nomeadas de parte, senón que son votadas despois de ter sido propostas” polos dous grupos parlamentarios con maior representación parlamentaria.
Vilán advertiu que tanto a Valedora, designada por un Pleno extraordinario do Parlamento o pasado mércores, como a adxunta, foron nomeadas despois de que o pasado ano fora coñecida a “durísima” sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a anterior Valedora por “arbitrariedade” e “desviación de poder”.
Lembrou que os socialistas galegos “pedimos dende o primeiro momento a necesidade de que a agora ex Valedora dimitira” e, engadiu, “anunciamos que non iamos bloquear en ningún caso a apertura dunha nova etapa” na institución, puntualizando que “non entramos nun reparto de cadeiras”.