O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, criticou hoxe o desleixo demostrado polo goberno galego na loita contra a praga do picudo vermello que está a diezmar as palmeiras ornamentais da provincia de Pontevedra. Así o dixo logo de que o PP rexeitara no Parlamento unha proposta socialista para reclamar un Plan de investigación contra esta praga.
Pérez Seco interveu na Comisión de Agricultura para sinalar que “o que están a facer non o están a facer ben”, limitando as actuacións coñecidas do goberno galego a “un tríptico informativo e unhas xornadas técnicas a finais de setembro”. Mentres, o picudo vermello, unha especie incluída no catálogo de Especies exóticas Invasoras, afectou entre o 70 e o 80 por cento das palmeiras de Pontevedra, segundo a Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
Sinala que o plan de acción anunciado pola Consellería de Medio Rural en febreiro de 2016 “fracasou, non se conseguiu erradicar o picudo nin evitar a súa expansión a outras zonas onde a praga aínda non estaba presente”. Advirte que a praga é “moi difícil de conter, pero non imposible”, e lembrou o exemplo de Canarias, onde foi erradicada.
O parlamentario socialista presentou por iso unha proposición non de Lei par urxir ao goberno galego a que poña en marcha, antes de que remate o ano, un Plan de investigación científica. Propón así asinar un convenio coa Universidade ou centros de investigación, para desenvolver “medidas axeitadas para erradicar e controlar a praga”, pero a iniciativa foi rexeitada polo PP.