A recuperación de emprego que anuncia Feijóo quédase en "contos de xénero fantástico"

A recuperación de emprego que anuncia Feijóo quédase en "contos de xénero fantástico"

A recuperación de emprego que anuncia Feijóo quédase en “contos de xénero fantástico”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reduciu hoxe a “contos do xénero fantástico” os argumentos do presidente da Xunta para xustificar a política laboral do seu goberno. Na sesión de control ao presidente, advertiu que Galicia ten hoxe 140.000 ocupados menos que en 2008.

Fernández Leiceaga apuntou que “algo grave sucede” nas políticas de emprego da Xunta cando a recuperación económica do 3 por cento se traduce en apenas 6.200 postos de traballo en 2017, segundo a EPA, e se perderon 5.000 ocupados de menos de 35 anos. Cualificou estes datos de “dramáticos” e advertiu que a este ritmo Galicia tardaría 23 anos en recuperar a base laboral previa á crise, que o resto do Estado acadaría en 2020.

O responsable socialista sinalou a Feijóo para apuntar que “se os galegos e as galegas teñen que escoller entre facer as maletas ou que as faga vostede, a nosa sociedade terá clara a súa decisión”.

Reclamoulle ao presidente da Xunta que “non se conforme con contos de final feliz, asuma o principio de realidade e poña orde nas súas políticas de emprego, se é necesario fale cos sindicatos, empresarios, expertos universitarios, o CES para cambiar as políticas e darlles esperanza a aqueles que queren seguir facendo a súa vida no país”.

Apelou ao fracaso da política laboral do goberno galego, que “con 350 millóns de euros non son capaces de mellorar eses resultados” e cando a 30 de setembro de 2017 “só estaban executando un de cada catro euros dos que tiñan vixentes no Orzamento”. Fernández Leiceaga sinalou que a Estratexia Autónomo 2020 da Xunta prevía 40 millóns anuais para crear 10.000 empregos, “pero destruíuse emprego autónomo”.

Tampouco tiveron éxito os 50 millóns de euros dirixidos a políticas de emprego coa pretensión de aumentar “a lo menos 13.000 postos de traballo” cando “quedan canto menos na metade, e nun terzo do prometido no Orzamento”. Lembrou así que a Axenda 20 para emprego prevía 20.000 empregos netos en 2017 e de reducir a temporalidade, que segundo a EPA aumentou no ano pasado.

Informes

O portavoz socialista lembrou que o CIS sitúa o emprego e os problemas económicos como a principal preocupación do 90 por cento dos cidadáns, “tamén da xente de Galicia que ten dificultades para crerse o relato da recuperación porque o emprego funciona particularmente mal no noso país”.

Fernández Leiceaga sostivo a súa intervención no informe do Servizo de Estudos do BBVA, que onte mesmo “dixo que Galicia foi unha das peores comunidades autónomas en materia de emprego no ano 2017” e que de acordo coas súas precisións 2018 irá “peor” e en 2019 situarase “última” do Estado.

Presentou tamén a radiografía do mercado laboral elaborada por CCOO, que apunta que 2017 “non foi bo en termos de emprego, e o mercado laboral encóllese mentres a precariedade imponse como norma”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar