O Parlamento aproba a nosa proposta para revisar as campañas da Xunta de sensibilización contra a violencia de xénero

O Parlamento aproba a nosa proposta para revisar as campañas da Xunta de sensibilización contra a violencia de xénero

O Parlamento aproba a nosa proposta para revisar as campañas da Xunta de sensibilización contra a violencia de xénero

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposta socialista para pedirlle ao goberno galego que “revise” os “criterios e conceptos básicos” detrás das súas campañas de concienciación e sensibilización sobre a violencia de xénero”. A portavoz de Igualdade, María Pierres, reclamou campañas de concienciación específicas tamén na sociedade rural e dirixidas a romper coa “naturalización do control” do home sobre a muller.

A responsable socialista apuntou que esta proposta busca “encauzar mellor os esforzos e recursos que se dedican á loita contra a violencia de xénero” en alusión a “cuestións como a polémica xerada pola campaña do 25N do pasado ano”. Daquela o goberno galego sinalaba que “O máis grande de Galicia non se maltrata” e equiparaba ás mulleres con monumentos históricos e arquitectónicos.

Pierres apelou a que “cuestións deste tipo se poidan evitar”, como unha campaña defendida polo goberno pero que foi duramente contestada tamén por parte das poñentes que teñen participado na Comisión de Igualdade do Parlamento. Sinalou que “todas elas consideraron con rotundidade un erro absoluto no prantexamento, mensaxe e incluso por tela confundido coa do 8 de marzo, debilitando máis a imaxe da muller”.

A proposta aprobada hoxe insta a “revisar os criterios e conceptos básicos nos que teñen que incidir as campañas de concienciación e sensibilización sobre a violencia de xénero” e reclama “ferramentas” para obter información, como son as enquisas de opinión sobre cada campaña, para “poder dirixilas e enfocalas do modo máis eficaz á cidadanía”.

Dirixiuse ao PP e ao goberno galego para sinalar que “vostedes teñen neste momento a obriga de conducir e nós limitámonos a prenderlles faros para que vexan con máis claridade o que teñen enfronte”, e advertiu que “se vostedes perden o rumbo Galicia vai detrás, e ese é un luxo que non nos podemos permitir”.

Dixo que “as boas intencións non son escusas para xustificar o fracaso das accións que perseguen a igualdade nin a financiación de campañas ineficaces e mesmo contraproducentes”.

Medio Rural

A proposta aprobada hoxe inclúe tamén a petición ao goberno galego de realizar campañas de concienciación específicas dirixidas ao medio rural. Tamén inclúe promover, nos cursos de formación de profesorado e do alumnado nos centros educativos, “aqueles centrados en traballar para erradicar a tolerancia ante as diferentes manifestacións de violencia de xénero, desmontando falsos conceptos”.

Apuntou así a romper coa “naturalización do control” do home sobre a muller e urxiu a “erradicar a tolerancia ante as diferentes manifestacións de violencia de xénero” incidindo en primeiro lugar na situación de especial vulnerabilidade das mulleres vítimas que residen no rural e nos mozos e mozas.

Tanto no medio rural como entre a xuventude, advertiu, estase a comprobar unha “falta de comprensión do concepto” da violencia de xénero e mesmo un nivel de tolerancia preocupante respecto destas actitudes. Sinalou que esta proposta e as campañas de concienciación “tal vez sexan pasos pequenos, pero necesarios” porque “a loita pola igualdade non é un tema das mulleres, nos implica a todos e a todas”.

Advertiu que “non actuar fainos cómplices” e lamentou que a sociedade que afirma “automaticamente” que “homes e mulleres somos iguais”, sen embargo “vive con naturalidade anestesiada a existencia da fenda salarial, o papel da muller como principal coidadora dos fillos e dos maiores, ou asistir á violencia contra homes e mulleres por unha razón de xénero”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:

1. Revisar os criterios e conceptos básicos nos que teñen que incidir as campañas de concienciación e sensibilización sobre a violencia de xénero, promovendo ferramentas de obtención de información, como son as enquisas de opinión previa e posteriormente a cada campaña, para poder dirixilas de maneira máis eficaz á cidadanía, habilitando unha partida orzamentaria específica para o seu desenvolvemento anual.
2. Realizar campañas de concienciación específicas que teñan en conta as peculiaridades da sociedade rural, implicando nelas tamén aos servizos sociais máis próximos ás mulleres rurais, así como ás entidades sociais presentes no entorno como asociacións de veciños, de pais e nais, de mulleres, de montes, cooperativas, etc.
3. Incidir na difusión das campañas nas zonas rurais, especialmente nos concellos máis pequenos, por ser onde se demostran menos eficaces.
4. Promover nos distintos cursos de formación do profesorado, así como nos de alumnado nos centros educativos, aqueles centrados en traballar para erradicar a tolerancia ante as diferentes manifestacións de violencia de xénero, desmontando falsos conceptos.
5. Afondar durante o ano 2018 nas actuacións coordinadas e en colaboración coas asociacións de veciños e veciñas, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e veciñas de Galicia na prevención e na sensibilización da violencia de xénero para contribuír á detección dun delito en moitos casos invisible, que en numerosas ocasións ten lugar na intimidade dos fogares, e no que a colaboración de todos os axentes, entidades e persoas é clave para ofrecer axuda ás vítimas”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar