Os socialistas reclámanlle a Feijóo que consensúe a postura galega sobre o modelo de financiamento

Os socialistas reclámanlle a Feijóo que consensúe a postura galega sobre o modelo de financiamento

Os socialistas reclámanlle a Feijóo que consensúe a postura galega sobre o modelo de financiamento

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que siga o exemplo do presidente socialista da Comunidad Valenciana e consensúe coa oposición a postura de Galicia fronte á reforma do modelo de financiamento autonómico.

Así o dixo na súa intervención nun almorzo informativo organizado polo Fórum Europa - Tribuna Galicia, no que reclamou "unha folla de ruta definida que mobilice os recursos públicos, oriente as enerxías sociais e faga marchar ao conxunto da sociedade en pós da modernización inclusiva".

Criticou que o goberno galego teña administrado o crecemento "coni inercia conservadora e cortedade de miras", e instou a "practicar un autogoberno de amplitude estratéxica, realista e intelixente, integrado en España e Europa e sen medo ao cambio".

Intervención Xoaquín Fernández Leiceaga:
DESDE A ATALAIA DO PARLAMENTO: AS TAREFAS DO NOSO TEMPO

Moitas grazas a Nueva Economía_Forum por esta oportunidade, a Gonzalo Caballero pola súa presentación e a vostedes por estar aquí.

Permítanme que comece por quebrar unha lanza en defensa da política parlamentaria. Por moito que se empeñe W. Churchill na súa Historia dos Pobos de fala inglesa, o primeiro Parlamento no mundo foron as Cortes de León, convocadas por Alfonso IX, rei de León e Galicia, celebradas coa presenza sobranceira do arcebispo de Santiago de Compostela. 8 séculos despois, con fórmulas mais democráticas e inclusivas, o Parlamento é hoxe un lugar privilexiado no que percibir e regular as tensións do noso mundo e as solucións que son practicábeis. Unha forxa de equilibrios e indutor de cambios, un espazo de expresión de ideas sobre a nosa vida social.

Un diálogo tanto mais necesario canto o noso presente é un acelerador de procesos. Para Galicia coinciden na actualidade a posta en cuestión do proxecto europeo, a fractura territorial en España, os efectos persistentes da crise económica, a caída demográfica e o cambio radical do mundo rural tradicional.
Nesta encrucillada de ventos encontrados atopamos os que non queren cambiar nada e os que queren cambialo todo. Incluso os que defenden o retorno a un pasado feliz que non pode volver. E a sociedade está perplexa e dividida. Porque o modelo (democracia, federalismo, economía social de mercado) é sólido pero as institucións e as persoas non estiveron á altura. Se as vellas receitas están caducas, non todo o novo é acertado. Necesitamos un novo proxecto, un proxecto político de longo alento e ampla base, reformista, democrático, radicalmente progresista que acade un apoio social maioritario e permita unha navegación segura no mundo turbulento no que estamos. Esta é para min a tarefa do noso tempo.

O ENCAIXE EXTERNO DE GALICIA
PRIMEIRO, EUROPA

Na última década Europa formou parte dos problemas mais que das solucións. Pola ausencia de liderado, polas políticas equivocadas de axuste duro, pola construción dunha área monetaria non óptima, pola euroesclerose. De vagar emerxe na Unión Europea a conciencia da necesidade de construír unha sociedade continental inclusiva. Controlar o nivel de desigualdades sen anular os incentivos ao esforzo é a clave da continuidade do modelo europeo.

Europa paga a pena. O mais antieuropeísta é que todo siga igual. Compre reformar Europa para que persista. Construímos un mercado unificado de 500 millóns pero esquecemos o nivel político institucional que equilibrase e regulase ese mercado. ¿Por que non un imposto de sociedades homoxéneo na Unión Europea? ¿Por que non un seguro de desemprego mínimo a escala europea? En todo caso, construír unha Europa social, política e territorialmente integrada é mais urxente que nunca. Para afrontar os populismos que a minan desde dentro e conducen só á división e ao estancamento.

Europa é tamén un campo de xogo de actores diversos en durísima competencia. A saída do Reino Unido vai dificultar o peche das perspectivas financeiras no próximo período. Precisamos unha política española firme e decidida. Precisamos unha presenza galega eficiente, articulando alianzas cos sectores organizados que xa teñen un camiño andado.

Perder o tren dos fondos europeos a partir de 2020 sería unha catástrofe para a que non estamos preparados. Sufriría o investimento público e a modernización privada cando aínda queda un longo treito para ter a capacidade de innovación ou os elementos de competitividade necesarios. Non temos reposto.

EN SEGUNDO LUGAR, ESPAÑA

I. O MODELO TERRITORIAL
O noso modelo territorial padece os achaques da madurez. Na súa revisión, Galicia ten que facer valer os seus intereses e preferencias.

Hai varias décadas Cruz Villalón inventouse a un xurista persa para amosar a súa perplexidade diante dun modelo territorial non definido constitucionalmente. Unha vez articuladas as pezas do Meccano, tampouco hai regras básicas para facer funcionar o artefacto. Tanto por razóns de eficiencia como de estabilidade política compre intentar unha reforma integradora, eficiente e perdurable. Difícil. As preferencias sobre o modelo territorial esgazaron, por erros políticos e polos efectos da crise económica e social: nalgúns territorios, a idea de independencia progresa; noutros, o apego ao centralismo cobra máis forza. Unha solución estable e con garantías de futuro ten que atender aos que desexan mais autogoberno pero tamén á desconfianza fronte ao mesmo. Non será fácil.

Desde Galicia podemos achegar algo de sensatez. E intentar facer profeta a Pondal cando aseguraba que

A luz virá para a caduca Iberia
Dos fillos de Breogán.

Unha solución viable ten que combinar un axuste ao mapa de preferencias dos cidadáns sobre o grado de descentralización (diversidade, asimetría, atención aos feitos diferenciais) cunha garantía de tratamento igualitario no conxunto dos territorios. A recuperación da diferenza constitucional entre nacionalidades (Galicia é unha delas) e rexións pode ser unha vía interesante.

Esta solución está no interese e nas preferencias da maioría dos cidadás de Galicia. Non nos interesa unha España débil nin carpeto-vetónica. Interésanos unha España máis igualitaria e máis respectuosa da diversidade. Pero que sexa así ou non dependerá do xogo político democrático. Galicia pasou en 40 anos de ser indiferente ao autogoberno e apoiar maioritariamente o actual sistema.

II. O FINANCIAMENTO AUTONÓMICO
O modelo é francamente mellorable (en equidade, en autonomía) pero razoable. E Galicia foi tradicionalmente ben tratada.

A intensa descentralización do gasto, a autonomía parcial nos ingresos, están ben. A autonomía tributaria parcial facilita o exercicio da solidariedade e articula un elemento de protección fronte aos shocks asimétricos.

O sistema de concerto non nos interesa. Xa A. Hamilton alertaba hai mais de dous séculos no Federalista de: “que a separación resultaría tan daniña para a economía como para o sosego, para o comercio como para os ingresos fiscais e a liberdade de todas as partes implicadas”. O concerto é insolidario. A súa xeralización prexudícanos hoxe (Galicia perdería 1.000 millóns de euros) e desprotéxenos fronte ás continxencias. Non é acorde cun modelo autonómico (que é versión española do federalismo).

Aos galegos que antepoñen a súa ideoloxía á análise obxectiva da realidade debemos lembrarlle que xa Castelao (12 de maio de 1932) propoñía: a “concesión de mais ou menos contribucións, sen réxime de concerto en ningún caso, e contribución das rexións ao Estado progresivamente sobre a renda para compensar as desigualdades....La tributación progresiva faría o papel de regulador”. Un galeguista que non antepuña a ideoloxía aos realismo.

Pero no modelo non hai un cumprimento consistente do principio de equidade, a competencia fiscal erosiona os recursos das comunidades, a administración central resérvase demasiadas palancas de actuación. ¿Pódese solucionar? Sí. Pero será difícil. O informe da Comisión de Expertos situaba en 16 mil millóns unha cifra que permitiría un financiamento razoable dos servizos autonómicos. Esta debera ser a primeira demanda da Xunta de Galicia.

O sistema aprobado en 2009 ten unha certa indefinición entre servir ás necesidades de gasto ou ás capacidades fiscais. Temos que ser claros. Nós defendemos colocar ás necesidades como referencia. Xa Marx dicía “a cada un de acordo coas súas necesidades, de cada un segundo as súas capacidades”. En todo caso, teremos que perfeccionar o cálculo das necesidades de gasto. A referencia non son os habitantes. Son a demanda de servizos básicos e o custe de provisión dos mesmos.

Os mecanismos extraordinarios de financiamento, desde o 2012, beneficiaron ás comunidades menos rigorosas. Facilitando o seu acceso ao crédito e premiándoas con tipos de xuro moi por baixo do mercado. Temos que volver á normalidade, ten que rematar unha situación de risco moral. Non entendo a ANF cando se opón a reducir vía quita a débeda da Xunta de Galicia. Pero calquera mecanismos ten que ser igualitario e servir para eliminar a discriminación actual fronte a comunidades que pagan moito menos pola súa débeda.

III. INFRAESTRUTURAS:
Padecemos a estrutura radial, e aínda hoxe o radio do AVE non chegou ao Noroeste. Padecemos hoxe unha política que penaliza ao Noroeste no transporte ferroviario de mercadorías cando as propostas do Goberno de España dan prioridade a un corredor mediterráneo duplicado e a un corredor atlántico tamén duplicado que parte de Lisboa. Pero que de novo esquece o Noroeste. Sen que a Xunta de Galicia teña a determinación e a capacidade para alterar estas decisións.

Compre rendibilizar os investimentos feitos e superar os efectos da dispersión cunha xestión intelixente das infraestruturas. Non se trata de que haxa de todo en todas partes ou de contentar aos poderes territoriais con infraestruturas trofeo. Por cinguirnos ao ferroviario, trátase de modernizar Coruña-Ferrol, completar a conexión de Vigo con Portugal, de conectar o porto exterior de Ferrol e de Coruña á rede ferroviaria, de facer do porto seco de Monforte o nó loxístico de conexión co corredor noroeste.

Nos últimos anos houbo un parón inaceptable nos niveis de investimento. Que nos atrasa e nos discrimina. É a responsabilidade do goberno do sr. Rajoy. E do Presidente Feijóo, que para protexer o seu futuro ampara o presente gris da actuación do Goberno de España en Galicia. Compre articular un grande acordo de país a prol das infraestruturas necesarias.

LAST BUT NOT LEAST, GALICIA

O decenio perdido da crise e as políticas de axuste agravaron as catro fracturas internas que ameazan a cohesión da nosa sociedade:

- A fractura social, entre os integrados e os excluídos. Entre os ocupados estábeis con ingresos razoábeis; e os deixados de lado, ben porque non atopan traballo ou este non xera o rendemento propio dunha vida digna. As desigualdades aumentan. O retroceso social é extensible ao conxunto dos traballadores e a amplos sectores da clase media. Eliminar a pobreza e dar oportunidades á mocidade son grandes tarefas do noso tempo. Precisamos un gran acordo social e político contra a pobreza e o incremento das desigualdades.

-En segundo lugar, a fractura xeracional, entre os maiores protexidos por un sistema de pensións pouco xeneroso e con tormentas no horizonte e o resto, entre os que destaca unha xuventude á que con excesiva frecuencia ofrecémoslle a saída da emigración ou o inferno de traballos precarios e malpagados. O que conduce á regresión demográfica.

Galicia segue indo a menos, demograficamente. Desde que Feijóo é Presidente o saldo vexetativo negativo achégase a 100.000 persoas. A fecundidade está en mínimos europeos e hoxe os tanatorios son a principal empresas nalgúns concellos de Galicia. O tamaño da mocidade reduciuse en mais dun 30% desde 2009. Se as cousas seguen así en poucas décadas seremos menos de 2 millóns de cidadáns en Galicia. Na provincia de Ourense hai xa hoxe mais pensionistas que ocupados. E as iniciativas políticas levadas adiante por Fraga primeiro e Feijóo despois foron pura retórica.

A solución pasa, en primeiro lugar, por esquecerse de ver a realidade con óptica demográfica. Cometeríamos un erro se non dixéramos que o problema é social ou económico. A cuestión demográfica resólvese vía fecundidade ou vía inmigración (ou retorno). Se abrimos as portas teremos o número de inmigrantes que desexemos. O problema demográfico estaría resolto. A cuestión social, económica ou política, agravada.

Nada se resolve sen crear emprego sostible e ben remunerado grazas a un crecemento intenso e ben orientado. Non hai outra opción -aínda que non será suficiente se non o combinamos con políticas de igualdade, conciliación e reforzamento dos servizos básico-.

Os nosos maiores teñen que saber que non hai protección social que resista o deterioro do mercado laboral que presenta Galicia. E polo tanto precisamos unha política de competitividade empresarial; unha política de Acordo Social e unha política de Empregabilidade. Especificamente dirixida á mocidade. Compre unha alianza xeracional en clave progresista que incorpore modernización e seguranza.

Precisamos unha política industrial ben definida: a inercia non é suficiente. Só cunha internacionalización activa, coa incorporación rutineira do I+D, con solo industrial de calidade a un custe competitivo e con maior dimensión empresarial poderemos competir. Precisamos unha política educativa e de formación máis eficaz. Compre reducir o nivel de fracaso escolar, mellorar o axuste entre a formación demandada e a ofrecida en FP (ampliando a novas familias e empresas e facilitando a FP dual) ou na Universidade, axustando oferta e demanda e revolucionando o sistema de mestrado así como o seu acceso. Precisamos unha Galicia de oportunidades. Que estea moi orientada a favorecer o emprendemento e a competitividade, como corresponde a economías abertas. Precisamos reducir a dualidade do mercado laboral, que tanto prexudica á mocidade. E favorecer o investimento empresarial, evitando que o axuste salarial destes anos acabe en saída de recursos vía sistema financeiro ou instrumentos de aforro.

Debemos ter preferencia pola mocidade –aínda que a economía política diga outra cousa-. Superando a miopía intertemporal que é tan común, como Richard Thaler nos ensina.

A esquerda tende a privilexiar as políticas de demanda. Pero desde unha óptica autonómica podemos facer mais do lado da oferta: para unha política de competitividade que ao final depende de traballadores capaces, empresarios eficaces e emprendedores talentosos.

- En terceiro lugar, a fractura de xénero, pois a fenda salarial ou a precariedade sempre xogan en contra das mulleres; porque os dereitos cívicos avanzan menos e as políticas públicas recórtanse mais cando son as mulleres as destinatarias privilexiadas. O 23% de fenda salarial indica aínda a lonxitude do camiño que compre percorrer, no mercado e nas políticas públicas.

- A fractura territorial, por último. Somos un país pequeno que ten a obriga de construír un proxecto unitario. E integrador tamén no territorial. A transformación agraria das últimas décadas provoca a agonía demográfica de comarcas enteiras e o abandono de amplas zonas do territorio. O axuste induce unha reorganización sanitaria ou escolar que se ceba na Galicia periférica.

Carecemos dunha articulación territorial interna eficiente entre as áreas dinámicas, mentres hipertrofiamos as infraestruturas de conexión exterior. A redución do tamaño de Galicia, en termos físicos e económicos e a aparición dunha conurbación virtual de 1,5 millóns de habitantes á beira da Autopista do Atlántico constitúen unha oportunidade. Só progresarán aquelas iniciativas que consigan interesar ao conxunto dos habitantes da rúa maior de Galicia. Por iso é tan relevante aproveitar a remate das concesións de transporte interurbano por estrada para unha nova política. Que aposte por consorcios metropolitanos e que sirva ás relacións de mobilidade aparecidas nos últimos anos. A transferencia da AP-9 permitiría en diálogo franco cos seus titulares homoxeneizar e racionalizar o sistema de peaxes.

Ao tempo, a catástrofe demográfica que se aveciña en moitas comarcas de Galicia obriga a unha política consensuada, decidida e realista. Temos que garantir a posibilidade de vivir con dignidade en toda Galicia, Con accesibilidade razoable aos bens e servizos da modernidade. Con discriminación positiva na dotación de servizos básicos. E centrar os esforzos na mobilización produtiva das terras, con vocación agraria, gandeira ou forestal, cunha política pública decidida que remonte a pendente do abandono e o desinterese. Que garanta a protección dos espazos con valores naturais e promova a loita contra o abandono que está na base dos incendios.

Fracasou parcialmente o mercado como mecanismo de mobilización de terras. Precisamos un paradigma renovado. Unha aposta pública decidida por favorecer a xestión conxunta do monte, por xestionar desde o Banco de Terras os montes de veciños sen comunidade, por favorecer a mediación no mercado de terras agrarias, por actuar decididamente alí onde os dereitos de propiedade son inefectivos. Precisamos terra para explotacións que xa existen. Precisamos capital privado para por a producir o territorio.

Nesta conxuntura, máis do que nunca, precisamos un proxecto. Unha folla de ruta definida que mobilice os recursos públicos, oriente as enerxías sociais e faga marchar ao conxunto da sociedade en pós da modernización inclusiva. A Xunta de Galicia administrou o crecemento e regulou o axuste con eficacia política. Con inercia conservadora e cortedade de miras. Neste novo tempo compre practicar un autogoberno de amplitude estratéxica, realista e intelixente, sen medo ao cambio. Esta é a tarefa que temos por diante.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar