Gonzalo Caballero reclama a Feijóo "tomar nota da mensaxe da rúa" e "rectificar" o seu "fracaso" sanitario

Gonzalo Caballero reclama a Feijóo "tomar nota da mensaxe da rúa" e "rectificar" o seu "fracaso" sanitario

Gonzalo Caballero reclama a Feijóo “tomar nota da mensaxe da rúa” e “rectificar” o seu “fracaso” sanitario

O secretario xeral do PSdeG esixe “unha política sanitaria para o século XXI” e que a Xunta poña fin aos “recortes”

Santiago, 4 de febreiro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, encabezou hoxe a delegación socialista na manifestación en defensa da sanidade pública que tivo lugar en Compostela. Entre milleiros de persoas, chamou ao presidente da Xunta a “tomar nota da mensaxe da rúa” e “rectificar” o seu “fracaso” en materia sanitaria.

 

“Hoxe Compostela rebosa de galegos que están dicindo non ás políticas sanitarias de Feijóo”, suliñou o líder dos socialistas galegos, posto que a cidadanía pide “unha sanidade pública, gratuíta, de calidade e próxima”. Ante este novo “fracaso” de Feijóo, recordoulle que xa tivo que “cesar a unha conselleira” do ramo hai dous anos.

 

É por iso que recomendou ao goberno conservador “tomar nota” e “correxir os seus erros”, posto que na capital galega déronse cita persoas “das catro provincias, de todas as bisbarras, das cidades e do rural”. “Galicia está contra as súas políticas sanitarias”, enfatizou.

 

Nese sentido, reclamou que se poña fin “ás privatizacións encubertas, á precarización do emprego sanitario, á eliminación de áreas sanitarias e á redución de servizos sanitarios”. “Galicia quere unha política sanitaria para o século XXI”, esixiu Gonzalo Caballero.

 

AMPLA MOBILIZACIÓN SOCIALISTA

 

Na manifestación deste domingo, ademais do secretario xeral, participaron cargos socialistas das catro provincias, como o portavoz parlamentario e presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga; os vicesecretarios xerais Pablo Arangüena e Marta Freire; o secretario de Organización, José Antonio Quiroga.

 

Tamén asistiron alcaldes de toda Galicia, nomeadamente das catro cabeceiras de comarca afectadas pola supresión das áreas sanitarias que pretende acometer o PP. Trátase do rexedor de Burela, Alfredo Llano; o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; o primeiro edil de Monforte, José Tomé; e o alcalde de O Barco de Valdeorras, Alfredo García.

psdeg

Deixar a resposta

Pechar