Gonzalo Caballero denuncia "a falla de responsabilidade" de Feijóo ante "o grave problema" do encoro de Caldas e esixe "un proxecto integral"

Gonzalo Caballero denuncia "a falla de responsabilidade" de Feijóo ante "o grave problema" do encoro de Caldas e esixe "un proxecto integral"

Gonzalo Caballero denuncia “a falla de responsabilidade” de Feijóo ante “o grave problema” do encoro de Caldas e esixe “un proxecto integral”

O secretario xeral reúnese cos alcaldes de Caldas e Cuntis para analizar a situación á vista de que o goberno galego “non quere recoñecer nin solucionar” este novo episodio de microcistina

 

Caldas de Reis, 5 de setembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe o encoro de Caldas de Reis para denunciar “a falla de responsabilidade” do presidente da Xunta neste novo episodio de microcistina que tingue de verde as augas do río Umia.

 

“Existe un problema moi grave”, subliñou Gonzalo Caballero, antes de urxir “un proxecto integral” para a limpeza do encoro en compañía do alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, o rexedor de Cuntis, Manuel Campos, e os voceiros socialistas na bisbarra.

 

E é que, como recordou o líder do PSdeG, o río Umia está en alerta polas cianobacterias dende o pasado mes de xullo, sen que Feijóo e a conselleira de Medio Ambiente tiveran “o tacto” de achegarse sequera á zona. “Nin están nin se lles espera”, reprobou.

 

Nese senso, Gonzalo Caballero explicou que a súa visita ten por obxecto “poñer sobre a mesa un problema profundo que o PP non quere ver, nin recoñecer, nin solucionar”, pese aos seus “efectos económicos, medioambientais e sociais”.

 

De feito, como indicou o máximo representante dos socialistas galegos, está sendo o Concello de Caldas o que está asumindo “un alto custe económico para que os vecinos teñan unha auga de calidade”. “Fronte á implicación do goberno local, ausencia da Xunta”, sentenciou, pese a que esta conca é competencia autonómica.

 

DESLEIXO

 

Ademais, o secretario xeral do PSdeG reprobou o “desleixo” da Xunta no que atinxe ao coidado dos ríos e do medio natural, e que no caso do encoro da Baxe supuxo incluso restricións para o baño durante o verán.

 

“O PP ten que entender que hai un problema ambiental grave na provincia de Pontevedra e que hai que limpar o encoro. Non pode darlle as costas aos veciños”, recalcou Gonzalo Caballero, consciente de que os efectos chegan dende Caldas ata Vilagarcía.

 

É por iso que formulou a reclamación dun “proxecto integral de coidado e atención do encoro, que permita que a auga teña as mellores condicións e que evite o sobrecuste que está asumindo o Concello de Caldas”.

 

“HISTORIA DUN INCUMPRIMENTO”

 

Pola súa banda, o alcalde de Caldas aludiu á “historia dun incumprimento” do PP con este río e co encoro, pois a situación “agrávase ano a ano” pero a Xunta “non aporta un euro” para solucionala.

 

“O abandono é palmario”, lamentou Juan Manuel Rey, e xa avanzou que o gabinete de crise conformado no concello vai pedir amparo á oficina do Valedor do Pobo ante a gravidade da situación.

 

En paralelo, o rexedor de Cuntis reclamou que o goberno galego “convoque aos alcaldes da conca” para “explicar que pasa” e “dar toda a información”.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar