O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, visitou hoxe o Concello de Camariñas, onde sinalou os 9 anos de goberno de Feijóo nos que “toda a Costa da Morte e en concreto ao Concello quedaron deixados”. Sinalou en concreto ao proxecto de ampliación da autovía, “importante para unha comarca como factor fundamental para xerar máis oportunidades de riqueza e emprego”, e á situación do Porto local.
O responsable socialista cargou contra a “actitude deliberadamente obstrucionista de Portos de Galicia”, que ten paralizada dende hai 9 anos a terceira fase do Paseo Marítimo e mantén sen resolver a situación da Lonxa Vella. Reivindicou a proposta do Concello para recuperar o inmoble, actualmente tapiado e situado nun “espazo privilexiado”, que non foi respondida polo ente autonómico.
Fernández Leiceaga solicitou a transferencia da titularidade duns espazos que continúan en posesión de Portos a pesares de que carecen xa de usos portuarios e están integrados no Concello, que ademais asume a súa limpeza e mantemento. Reclamou tamén unha “resposta máis áxil” de Portos para atender ás necesidades da pasarela que une as dúas lonxas locais, composta de paneis de cristal, a súa maioría rotos e con perigo para a poboación.
O portavoz do Grupo Socialista comprometeuse a trasladarlle ao Parlamento de Galicia a situación das instalacións portuarias de Camariñas para reivindicar un “diálogo franco e leal” entre a entidade responsable e o Concello. Chamou a acabar coa “actitude de non atender ás necesidades de Camariñas” onde, lembrou, “os veciños e veciñas poden votar a quen queiran que sexa o seu representante”.
Así o dixo logo dunha visita ao espazo do Porto para confirmar in situ a precaria situación das instalacións da Lonxa Vella, na que participou como anfitriona a alcaldesa da localidade, Sandra Insua, xunto con diversos representantes municipais e a candidata socialista en Vimianzo, Mónica Rodríguez.
A alcaldesa de Camariñas lembrou que o Concello “non pode asumir os defectos de construción na Lonxa Vella e a zona portuaria”, e lembrou que a terceira fase das instalacións está orzamentada en 1,5 millóns de euros que ano tras ano quedan sen executar dende o goberno galego.