O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, acusou hoxe á Xunta de “tratar de dispersar responsabilidades” mentres fan “mutis polo foro” pola xestión da vaga de lumes de outubro. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na Comisión institucional do Parlamento sobre as deficiencias detectadas no operativo de emerxencias.
Dixo que “non poden seguir instalados na posverdade do terrorismo ou das tramas incendiarias” cando a súa xestión “evidenciou a necesidade de revisar o Platerga e o sistema xeral de emerxencias”. Criticou que “unicamente pretenden responsabilizar aos demais cando non están sendo capaces ou non queren asumir a responsabilidade que lles corresponde a nivel autonómico”.
Criticou que o presidente da Xunta tan só ofrecera esta semana, nas 30 medidas para acadar un novo acordo de xestión forestal, unha proposta relativa á xestión das emerxencias, dirixida a implantar un mando único que, explicou, xa está previsto na Lei de Emerxencias de Galicia.
Lamentou que “non existen respostas máis alá de dicir que se fixo todo o establecido e permanecer instalados na idea de perfeccionar os mecanismos de emerxencias sen facer unha revisión crítica”. Apuntou así que se negaran a subir do nivel 2 de emerxencias, impedindo que fora o presidente da Xunta o que asumira a responsabilidade en primeira persoa.
Amosou as dúbidas sobre a eficacia da suposta resposta integral que deberan ofrecer os servizos de emerxencias cos distintos dispositivos “claramente fragmentados” ou sobre o incumprimento das obrigas públicas de información por parte da TVG. Lembrou ademais que tardaron máis de 10 horas en mobilizar os parques de bombeiros das cidades e o 112 só tivo 7 operadores na mañá do domingo día 15.
Acusou ao goberno galego de depositar a responsabilidade nos concellos cando, lembrou, “a Xunta ten potestade de substitución cando evidencie que a entidade local carece da suficiente opertividade”.