O portavoz de Educación do Grupo Socialistas, Luís Álvarez, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista para reclamarlle á Xunta unha “intervención seria” fronte ás fallas estruturais do IES Manuel Murguía de Arteixo. Álvarez presentou unha proposición non de Lei en Comisión para resolver as eivas estruturais que afectan aos dous edificios do centro diante da “pasividade” da Xunta, que foi rexeitada polo PP.
Álvarez alertou dos “graves problemas” provocados pola antigüidade e o uso intensivo das instalacións. Así, no edificio novo destacan as filtracións de auga na cuberta resultantes dun fallo estrutural e que piden “unha solución definitiva” que pasaría pola substitución da actual cuberta ou “unha actuación que supera a capacidade económica do centro”.
Explicou que a principal eiva do edificio vello deriva do “desgaste mecánico” das fiestras o que ten provocado a caída dalgunhas delas “co evidente risco de provocar graves danos persoais”. Sinalou que para arranxar esta situación téñense proposto numerosas medidas provisionais, todas elas rematadas en fracaso polo que agora se reclaman accións contundentes de cara a reverter a situación.
Álvarez lembrou o elevado número de alumnos matriculados neste centro educativo, “preto de 900”, polo que é necesaria unha actuación máis contundente de cara a “garantir a correcta funcionalidade dos edificios que o compoñen” para poder asegurar unha educación en condicións.