A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, denunciou hoxe a “falla de control e transparencia” por parte da Xunta ao entregarlle 210.000 euros “en man” á Igrexa para a edición dun compilatorio sobre a Catedral de Santiago de Compostela. A responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión sobre este contrato “deliberadamente moi pouco controlado pola Xunta de Galicia”.
Burgo acusou á Axencia de Turismo de Galicia de “buscar maneiras de traspasarlle subvencións e axudas á Catedral e á Igrexa máis ou menos xustificadas” sen saber sequera as características nin a tirada da edición. Advertiu que a única condición imposta pola Xunta sexa recibir o 15 por cento dos volumes publicados, e advertiu que en base a este acordo os beneficios da publicación recaerían íntegros na Igrexa, o que a directora xeral de Turismo foi incapaz de rebater.
Burgo chamou a atención sobre que o “elevadísimo orzamento non estea desglosado en partidas”, máis alá de que corresponderían 50.000 euros para 2018, 100.000 para 2019 e os últimos 60.000 para o exercicio 2020. Puntualizou que esta contía equivale “aproximadamente a dez anos de axudas da Xunta de Galicia a un grupo de investigación de excelencia en Humanidades” que, eles si, están sometidos a restricións e control, dando conta “ata do último euro”.
A responsable socialista non cuestionou a necesidade nin o resultado do proxecto, senón a xestión e o desleixo do goberno galego, que “descoñece os idiomas nos que será editado, que tipo de edición nin que prezo terá, cantos exemplares serán publicados de cada un dos dous volumes, nin cantos van obter finalmente”. Criticou ademais que a Xunta sexa incapaz de clarificar “se teñen alguén supervisando científica e economicamente o proxecto”.
A deputada asegura que “nestas datas deberían estar finalizadas as dúas primeiras fases da elaboración do primeiro tomo, os estudos dos participantes e varios seminarios que se prevían para xaneiro-abril de 2019, e a primeira fase do segundo”.