Silvia Longueira asegura que “este proxecto non busca modernizar nada: o que pretende é consolidar un modelo de control político absoluto dos medios públicos para garantir que a CRTVG siga sendo un instrumento de propaganda ao servizo do PP”
O Grupo Parlamentario Socialista presentou unha emenda á totalidade ao Proxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital impulsado polo Partido Popular.
A socialista Silvia Longueira cualificou a proposta como un ataque frontal ao pluralismo e á liberdade informativa, elaborada de costas ao sector e sen diálogo cos propios profesionais da corporación. “Este proxecto non busca modernizar nada: o que pretende é consolidar un modelo de control político absoluto dos medios públicos para garantir que a CRTVG sega a ser un instrumento de propaganda ao servizo do PP”, sinalou Longueira.
A proposta lexislativa impulsada polo PP elimina órganos esenciais como o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, para garantir a independencia editorial e blindar o exercicio profesional fronte ás inxerencias políticas.
Segundo Longueira, “desmantelar estes órganos é unha mostra de desprezo á profesión xornalística e unha agresión ao dereito da cidadanía a unha información veraz e plural”.
Ademais, o Grupo Socialista denuncia que a nova norma permite que a elección da Dirección Xeral quede en mans da maioría simple do partido gobernante: “É un golpe á democracia informativa que vulnera o regulamento europeo sobre liberdade de medios ao consolidar un modelo de nomeamentos a dedo, sen consenso político nin participación social”, afirmou Longueira.
A deputada tamén puxo o foco na opacidade coa que se redactou o proxecto, sen ter en conta as achegas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nin das entidades que representan ao sector audiovisual. “Mentres o PP pide consenso noutros ámbitos, aquí impón unha lei sen dialogar con ninguén”, lamentou.
Outro aspecto crítico é a infravaloración da produción propia e do arquivo audiovisual da CRTVG. Longueira advertiu que “esta proposta abre a porta á externalización de contidos e desmantela o valor patrimonial que supón o arquivo documental, clave para preservar a nosa historia e memoria cultural”.
Por último, destacou o retroceso na protección do uso da lingua galega. “Nun momento no que é máis necesario ca nunca fomentar o uso do galego, a Xunta abandona a súa responsabilidade e recúa nun medio que debería ser o principal garante da nosa identidade cultural”, denunciou.
O Grupo Parlamentario Socialista considera que o texto do PP é un retroceso que empobrece a democracia e sitúa os medios públicos fóra dos estándares europeos de independencia e pluralidade. Por iso, esixe a retirada inmediata do proxecto e a apertura dun proceso de diálogo real que permita unha lei que protexa a pluralidade, a profesionalidade e o dereito da cidadanía a unha información libre e de calidade.
“Non imos permitir que a CRTVG se converta nun altofalante de Rueda. Traballaremos para que sexa un medio público ao servizo de toda a sociedade galega”, concluíu Longueira.
Julio Abalde reclama un modelo “á altura dos desafíos do século XXI” con “máis ambición,…
Lara Méndez aféalle ao director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria que acuda á Cámara…
Carmen R. Dacosta reclama actualizar e reforzar o programa de control biolóxico da praga que…
Julio Abalde alerta de que a falla de recursos e o deseño do programa polo…
En Galicia residen actualmente máis de 177.000 persoas migrantes que contribúen ao crecemento demográfico e…
Carmen R. Dacosta esíxelle ao goberno galego que exerza como “mediador neutral e activo” para…