Carmen Rodríguez Dacosta denuncia que cando se produce unha urxencia o ambulatorio queda baleiro e desatendido algunhas veces ata tres horas, o que constitúe unha mostra máis do que está a acontecer en toda a sanidade Galega
A deputada socialista critica que a Xunta anunciou que cubriría en cuestión de semanas a baixa definitiva da outra facultativa que traballaba nas instalacións pero non cumpriu ese compromiso
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta alertou hoxe do colapso do centro de saúde de Lobios, no que unha soa médica vén facendo o traballo de dúas dende o pasado novembro. Foi hai nove meses cando se produciu a baixa definitiva dunha das dúas facultativas que atendían á poboación de 1.700 persoas do municipio. Dende entón, esa vacante permanece sen cubrir.
Rodríguez Dacosta sinalou como unha mostra máis da situación crítica na que se atopa a atención primaria en Galicia, tal como veñen denunciando os socialistas nos últimos meses, con centros de saúde pechados, instalacións que funcionan incluso coa metade de facultativos que lles corresponden e listas de espera superiories ás dúas semanas para os usuarios e usuarias.
A parlamentaria do PSdeG reprochoulle á Xunta de Galicia que anunciara a chegada dun novo profesional a Lobios “en cuestión de semanas”, que finalmente se converteron en meses, “e xa vai camiño dun ano no que as veciñas e os veciños non teñen garantido o servizo de atención primaria pese ao sobreesforzo ao que está sometido o persoal sanitario”. Así, segundo explicou, cando se produce unha urxencia fóra das instalacións e a médica e a enfermeira se ven na obriga de desprazarse, o ambulatorio “queda baleiro e desatendido todo o tempo que dure a intervención”. Nalgúns casos, ese período superou as tres horas.
“Por enriba, o verán pasado a médica tivo que cubrir as vacacións da súa compañeira de Muíños, polo que o centro de saúde quedaba sen atender a partir do mediodía, cando tiña que marchar ao municipio veciño”, engadiu a deputada do PSdeG, que advertiu que a Xunta de Rueda está sometendo a Lobios a unha precariedade sanitaria “que podería ser peor se non fose pola profesionalidade e o traballo da actual facultativa, da enfermeira e do persoal administrativo”.
Carmen Rodríguez Dacosta sinalou tamén que, ao igual que noutros concellos galegos, a situación en Lobios agravouse “de xeito considerable” durante a época estival polo incremento de poboación no municipio, “sen que o Goberno galego tomara as medidas precisas”, insistiu.
Ante a prolongación do problema “sine die”, a deputada por Ourense rexistrou unha proposición non de lei co fin de esixirlle ao Executivo do PP que garanta “un servizo sanitario digno”, para o que é condición indispensable que a praza de médico vacante dende novembro de 2023 “se cubra á maior brevidade”.
Lara Méndez critica o cinismo de Rueda, que se presenta como centrista moderado cando están…
“Queremos escoitar máis voces, unir máis miradas e construír máis Galicia”, asegurou o secretario xeral…
Carmen Dacosta alertou do déficit de traballadores para a defensa contra os incendios forestais e…
Julio Abalde esixiu que se planifiquen as actuacións para arranxar tanto os edificios principais coma…
Julio Abalde reclamoulle ao Goberno do PP que cumpra de xeito inmediato os acordos que…
Lara Méndez criticou que os recursos están “infrautilizados ou directamente mal utilizados” e sinalou problemas…