A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, acusou hoxe a Feijóo de deixar o investimento en Política Social “en servizos mínimos para as familias, persoas maiores, con discapacidade, mocidade e na loia contra a pobreza”. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Política Social para dar conta dos orzamentos do seu departamento no exercicio de 2019.
A responsable socialista sinalou que a política social do goberno galego “cronifica un ano máis o esquecemento deste goberno con quen máis o necesita”, mentres este “piar básico do noso Estado do Benestar é sustentado pola inercia e o esforzo das traballadoras dos centros”. Referiuse así á “declaración de intencións” da nova conselleira, que celebrou o Día do Maior nunha residencia de titularidade pública pero xestionada por unha empresa privada.
Acusou ao goberno galego de levar “unha auténtica primavera de prazas privadas en residencias de maiores mentres seguimos na invernía en prazas públicas”, cunha política de residencias que é “un imposto non declarado aos maiores”. Mentres Feijóo “leva anos prometendo 7 novas residencias”, unha en cada cidade galega, continúan “na ficción” e reducen á metade o investimento previsto para 2019.
Esixiu “un esforzo público cun calendario realista” e “deixen de facer máis anuncios: comecen as residencias ou calen”, licitando as 7 novas residencias no que queda de ano, tal e como comprometeu o presidente da Xunta no pasado mes de marzo. Sinalou que o compromiso da Xunta cos maiores vai “a paso de tartaruga” cun envellecemento e unha realidade “que corre como unha lebre”.
Unha situación semellante á atención aos dependentes, onde a demanda medra a maior velocidade que a atención do goberno galego, ata o punto de que segundo o IGE, actualmente hai 117.875 persoas sen atender, 23.500 máis que en 2011. Entre eles, dixo, 30.000 demandantes de axuda a domicilio sen ela e 12.000 demandantes de Teleasistencia sen ela.
Noela Blanco sinalou as “promesas rotas” do goberno galego tamén en materia de atención á discapacidade, cun retraso acumulado de cinco anos para activar o Centro Galego de Desenvolvemento Integral –Cegadi- de Santiago de Compostela. Idéntica situación que co Centro de atención a persoas con diversidade funcional para maiores de 21 anos de Ourense, que “xa tiña que estar en funcionamento e non puxeron a primeira pedra”.
Conciliación
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista cualificou de “fiasco” os anuncios de conciliación do presidente da Xunta, que logo de comprometer hai dous anos escolas infantís en polígonos industriais, teñen sen executar máis do 70 por cento e en lugar de buscar solucións “optaron por recortar os servizos”.
Tamén sinalou á desatención ás persoas en risco de exclusión, mentres hai 131.456 galegos e galegas con carencia material severa, o goberno galego “mantén unha Renda de Integración Social –Risga- nin suficiente nin digna, excesivamente burocratizada e con trabas excesivas para que aqueles que o merecen poidan ter esta renda de integración”.
Finalmente, en materia de solidariedade, sinalou que o goberno galego “inviste exactamente sete veces menos do que destinaba o goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño” logo de pasar de 9,8 a 1,4 millóns de euros , cuns obxectivos “obsoletos e non adaptados aos tempos”.