A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, sinalou hoxe á Consellería do Mar como “o maior problema para o sector pesqueiro”. Así o dixo na comparecencia en Comisión da conselleira para presentar os orzamentos do seu departamento para o ano 2019, que para Toja son “decepcionantes, continuístas, opacos i esquecen a pesca para centrarse na acuicultura”.
A responsable socialista advertiu que se trata dun “brinde ao sol” por canto “marca obxectivos na memoria que non van acompañados de partidas orzamentarias suficientes” en materia de I+D+i ou de infraestruturas pesqueiras. Acusou á Xunta de abandonar a un sector que “clama por axudas á paralización temporal provocada polas reducións das cotas pesqueiras”, como no caso da pescada, mentres o goberno galego “di que non hai fondos renunciando ás axudas comunitarias”.
Criticou que o goberno galego “renuncie a loitar por apoiar ao relevo xeracional” a pesares que teña pasado das 23.800 persoas ocupadas no mar en 2009 ás 16.200 da actualidade, 7.200 menos, e os permisos de marisqueo se teñan reducido dos 4.281 en 2009 aos 3.797 contabilizados en 2017. O sector, dixo, que “ve como os investimentos nos portos quédanse en 6 millóns fronte aos 17,8 da acuicultura”.
Seguridade no mar
Sinalou ao “desleixo” do goberno galego coa seguridade no mar e que, a pesares da elevada sinistralidade, deixan do as partidas en saúde e seguridade nos 300.000 euros “mentres destinan 1,7 millóns para saúde e benestar animal”. Apuntou que “seguen sen executar a dragaxe do porto de Laxe ou o Plan de sinalización de bateas, dúas cuestións directamente ligadas coa seguridade e que sinxelamente non queren executar”.
Lembrou neste sentido que teñan “despilfarrado” os orzamentos na “xestión desastrosa” da contratación do Servizo de Gardacostas, poñendo “os intereses privados por enriba dos públicos” polo que “a empresa á que lle venderon dous helicópteros é a mesma coa que subcontratan logo o servizo”. A súa “incompetencia”, dixo, leva a que pagan agora 14 millóns a gardacostas para prestar un servizo que antes costaba 2, e ademais coas mesmas aeronaves.